En poucas sociedades dos países chamados desenvolvidos teñen lugar mobilizacións de certo peso motivadas pola loita contra o cambio climático. Malia seren os responsábeis do maior problema socioambiental global, os gobernos destes países fan menos ou moito menos do que deberían e poderían e a crúa realidade é que, na maior parte deses países, a maioría dos seus cidadáns  pouco ou nada se importan con  iso. Desde Galiza, onde o quecemento global non está na axenda social e política nin se agarda que o estea, suscita abraio e esperanza lermos esta noticia no “Estadão”, un xornal de São Paulo: “Meio ambiente é tema de campanha da CNBB”. A CNBB é a Conferência Nacional dos Bispos do Brasil e a campaña, polo seu alcance e o seu enfoque, non é unha campaña calquera.

Segundo a información do “Estadão”, a campaña, cuxo lema é “Fraternidade e a vida no Planeta”,  non ten reparos en atacar os sectores que, desde o Brasil, e impulsados en parte pola demanda dos países enriquecidos, máis contribúen á mudanza climática, a agricultura industrial e  os combustíbeis fóseis. Mesmo cuestionan a explotación das importantes reservas de petróleo en augas profundas situadas fronte á costa do país.

A campaña non será unha campaña menor, trátase da edición deste ano da “Campanha da Fraternidade”, e terá repercusión en todas as parroquias católicas do Brasil. Os seus contidos serán tema de sermóns e de encontros de seguidores da Igrexa católica, coma a Romaria da Terra que se vén de celebrar no Rio Grande do Sul, na que o bispo Roque Paloschi salientou a necesidade do pedido de perdón polas agresións á “mãe terra e por não escutarmos os seus clamores” (este vídeo danos unha idea do ambiente desta xuntanza multitudinaria).

Podemos estar certos de que a ultraconservadora Igrexa española encabezada por Rouco Varela non vai promover unha campaña similar no Estado español. Está ocupada en moitos outros asuntos terrenais moito máis importantes e urxentes que a crise ecolóxica global. Esta segue a ser ignorada pola Igrexa. Aínda que iso non é o peor, o peor é que tamén é ignorada por moitas outras entidades de todo tipo e de todo o abano ideolóxico.

Non é a primeira vez que a Igrexa católica brasileira dedica a súa anual “Campanha da Fraternidade” a asuntos ambientais. É un exemplo máis das moitas e importantes iniciativas de concienciación ambiental -e climática en particular- que xorden da dinámica sociedade brasileira desde hai moitos anos, cuxos resultados non deben ser alleos, por exemplo, ao feito de o Brasil ter o desempeño en materia de loita contra a mudanza climática menos malo entre os 57 estados do mundo que son responsábeis por máis do 90% das emisións mundiais de CO2 asociadas á enerxía, segundo a última edición do independente The Climate Change Performance Index, elaborado por Germanwatch e Climate Action Network Europe (Brasil ocupa o 4º lugar e España o 35, ficando vacíos os tres primeiros lugares do ranking). Ou ao estraordinario resultado conseguido pola senadora do Partido Verde Marina Silva nas últimas eleccións presidencias (20 % na primeira volta, forzando unha segunda). Na opinión de Marina Silva, “o resultado da última eleição não pode ser ignorado. A “Agenda por um Brasil justo e sustentável” teve imensa aceitação. Uma parte considerável da sociedade brasileira sinaliza de forma contundente que acolhe sem preconceito o desafio político da sustentabilidade”.

Something to say?