O 19 de novembro pasado, o conselleiro de Economía e Industria anunciaba a resolución do concurso eólico convocado pola actual Xunta despois de anular o resolto polo bipartito en decembro de 2008. No tempo que decorreu entre ambos concursos detívose o desenvolvemento eólico e desperdiciouse a oportunidade de reformular a política eólica baixo criterios ambiciosos de sustentabilidade ecolóxica e equidade social. 

A medida que se van coñecendo máis cousas sobre a resolución do concurso eólico e algunhas das empresas beneficiarias, xorden numerosas dúbidas e  sospeitas que poñen en cuestión o seu rigor e imparcialidade. Mais do que certamente non hai ningunha dúbida é de que este concurso eólico tampouco é  respectuoso co territorio. 

Non abonda con excluír os espazos da Rede Natura 2000

A enerxía eólica é renovábel e de relativo baixo impacto ambiental. Porén, isto non significa nin que sexa ambientalmente inocua nin que todos os parques eólicos sexan ambientalmente admisíbeis. Por esta razón, cómpre designar, a xeito de medida preventiva, zonas de exclusión que preserven os espazos naturais máis valiosos e fráxeis da construción de parques eólicos. Por suposto, é un avanzo que o PP rectificase e asumise a protección dos  espazos naturais incluídos na rede europea Natura 2000 fronte á construción de novos parques eólicos, introducida polo bipartito. Estamos a nos referir ao mesmo partido que chegou a estabelecer por decreto (Decreto 302/2001), porque si, a “compatibilidade” dos parques eólicos coa rede Natura 2000 e autorizou nela 50 parques. Desta forma, o PP vén dar a razón, aínda que tarde e só en parte, ás asociacións de defensa ambiental que reclamaron desde o comezo da “revolución eólica” a finais dos anos noventa  a “blindaxe” das zonas de maior valor ecolóxico, e mesmo foron capaces de se mobilizar contra a construción de parques eólicos nalgunhas zonas Natura 2000, como a serra do Xistral ou a do Candán.

Que o PP decidise preservar a rede Natura 2000 dos futuros parques –así como as áreas incluídas na insuficiente ampliación prevista, cousa que, por certo, non fixo o bipartito no concurso anulado- non é un logro menor, é unha conquista social que é preciso valorarmos na súa xusta medida, máis aínda se temos en conta que a Unión Europea –bastante menos conservacionista do que a miúdo se cre- non obriga a iso, e que o mesmo goberno, tan neoliberal e produtivista, que rexeita autorizar parques eólicos nestes espazos consinte neles outros proxectos tan ou máis destrutivos. Con todo, é unha medida insuficiente, pois as áreas de interese natural incompatíbeis cos parques eólicos non se limitan ás zonas Natura 2000.

Hai outros espazos cuxa defensa requeriría tamén impedir neles a construción de parques como, por caso, áreas vitais para a sobrevivencia de especies ameazadas de extinción que non teñen porque estar integradas na rede Natura 2000. Habería que ter definido xa unha listaxe completa de áreas de exclusión no marco da elaboración dun novo Plano Sectorial Eólico que substituíse o actual, de 1997.  Ao non se ter feito isto, é de agardar que os 91 novos parques –a 31 de decembro de 2010 había 150 en funcionamento- terán un impacto negativo sobre o territorio moi superior ao que sería inevitábel. Lendo a resolución do concurso, xa podemos albiscar que non son poucos os parques que se situarán en áreas de interese natural, como varias serras da Dorsal Galega, a serra do Galiñeiro, a serra da Groba, etc. E vistos os precedentes, resulta difícil imaxinar que, durante a tramitación administrativa de cada parque, o procedemento de avaliación de impacto ambiental, reducido a pouco máis que un formalismo, inviabilice algún parque por moi impactante que for.

Outro aspecto a ter en conta é o posíbel impacto dos plans industriais asociados á execución dos parques eólicos. No momento de escribirmos este artigo aínda se descoñece qué plans se executarán e en qué medida, mais, polo que se vai sabendo, algúns non serían nada sustentábeis. É o caso da “segunda SOGAMA” a instalar no sur do país promovida por Estela Eólica,  ou das novas explotacións mineiras de pizarra en Valdeorras, proxecto presentado por Vector Verde.

Necesitamos máis enerxía eólica pero tamén outro modelo eólico-enerxético

O feito de Galiza exportar electricidade –unha cuarta parte durante 2009- pode levar a pensar que temos un excedente enerxético, mais iso non pasa dunha ilusión. Si, exportamos electricidade ao resto da Península Ibérica, mais aproximadamente a metade desa electricidade é xerada a partir de carbón e gas natural importados. Se no canto de vermos só a electricidade, unha das formas da enerxía, ollamos para o conxunto do panorama enerxético, descobriremos que o noso país importa nada menos que o 86% das materias primas enerxéticas que emprega, e que ademais practicamente toda esa enerxía primaria importada é de orixe fósil. Para se abastecer de enerxía, a economía galega depende enormemente da importación de combustíbeis fóseis o que, ademais de elevar moito a nosa pegada ecolóxica global (estamos a exportar insustentabilidade), sitúanos nunha moi mala posición perante o inevitábel encarecemento dos combustíbeis fóseis.

Incluso se deixásemos de exportar enerxía dispoñíbel para o consumo (electricidade, derivados do petróleo,…), só seríamos capaces de cubrir o 22,5% da actual demanda galega de enerxía con enerxías renovábeis (as únicas autóctonas das que dispomos,  a menos que algunha vez se explote o lignito da Limia, o que sería un desastre socioambiental).

Se asumimos a nosa responsabilidade na resposta aos urxentes e cruciais desafíos globais da mudanza climática e da crise enerxética, e se aspiramos á autonomía enerxética, non hai dúbida de que necesitamos máis  enerxía renovábel en xeral, e máis enerxía eólica en particular. Cómpre avanzarmos a bo paso cara a un horizonte enerxético 100% renovábel, o que non só é necesario como tamén posíbel, aínda que non serán nin poucos nin difíceis os obstáculos a superar. Isto si que é realmente estratéxico, e non defender con calquera coartada as ineficientes e moi contaminantes centrais de carbón, ou construír máis autovías e autoestradas no país do millón (e medio) de coches.

É certo que os parques eólicos incrementaron a pegada territorial en Galiza do sector enerxético galego, en moi grande medida pola ausencia dunha planificación eólica adecuada. Mais tamén é verdade que contribuíron a atenuala alén das nosas fronteiras (alí onde se extraen os combustíbeis fóseis que importamos, non sen grandes custos socioambientais), así como a moderar as emisións galegas de gases causantes do cambio climático. De feito, e aínda que non foi precisamente o que moveu á inmensa maioría dos seus impulsores políticos e empresariais, o crecemento da produción eólica foi até hoxe a única achega de calado á loita contra o maior problema socioambiental global desde Galiza. Segundo o Instituto Enerxético de Galiza, a xeración eólica, ao substituír electricidade sucia, tería evitado durante 2008 a emisión de máis de 4 millóns de toneladas de dióxido de carbono (CO2), perto do 15% das emisións totais de gases de invernadeiro de Galiza nese ano. A eólica, xunto coa crise e os ciclos combinados, ten contribuído a un descenso estimado dun 20% nas emisións do país no período 2007-2009. A pesar diso, as emisións  seguen sendo moi elevadas en termos per cápita.

Precisamos máis enerxía eólica pero precisamos tamén outra política eólico-enerxética que mellore notabelmente o seu balanzo ambiental e social. A enerxía éolica debería ser o máis respectuosa posíbel co territorio e os seus beneficios económicos seren distribuídos de forma socialmenta xusta. A potencia eólica está e seguirá estando sobre todo en mans de empresas transnacionais privadas (tan só dúas, o Grupo Entrecanales e Iberdrola, controlan hoxe máis do 50%), con claro predominio de capital non galego. Estas empresas puideron acceder aos “solares eólicos” pagando pequenas cantidades aos seus propietarios, equivalentes ao 1% da facturación bruta dos parques eólicos. O aproveitamento enerxético do vento está a beneficiar moito a unhas poucas empresas de fóra e pouco ao conxunto da sociedade galega.

Após rexeitar a participación de capital público no desenvolvemento eólico por motivos puramente ideolóxicos, o PP sacou da manga con fins recadatorios un canon eólico que penaliza os aeroxeradores baseándose no seu impacto ambiental, promovendo así unha sorte de política fiscal verde á inversa, que fai que a Xunta ingresase en 2010 máis de 22 millóns de euros polo canon eólico e só 3 polo imposto sobre a contaminación atmosférica, que afecta sobre todo ás centrais térmicas.

Unha política eólica verde non procuraría a toda custa que Galiza sacase peito como líder ou potencia eólica, senón “simplemente” contribuír á construción dun modelo enerxético sustentábel e xusto, maximizando o benestar social e minimizando a pegada ecolóxica asociados á transformación e o consumo de enerxía.

Xosé Veiras

Unha versión reducida deste artigo publicouse no número 165 (Febreiro 2011) da revista Tempos Novos.

Something to say?