Pódese falar da existencia dun pacto enerxético non escrito, implícito, entre as forzas políticas parlamentarias, dun consenso sobre a estratexia enerxética. Tamén no que atinxe ao modelo enerxético, a ideoloxía produtivista que partillan exprésase en importantes elementos de coincidencia.  E máis o que os une que o que os separa. As disputas adoitan ser sobre o xeito de repercutir na sociedade galega os beneficios económicos do sector enerxético, mais non sobre o deseño e a orientación básicas do modelo enerxético. E por moito que falen de sustentabilidade, na verdade ignoran os límites ambientais e carecen dun proxecto de modelo enerxético –e, xa que logo, de sociedade-  sustentábel.

A acción real sobre a cuestión enerxética da sorte de “tripartito produtivista” que goberna o país guíase por tres grandes obxectivos:

1) Aumentar o consumo de enerxía para favorecer un crecemento económico continuo que nos aproxime aos países con maiores PIB por habitante (que, á súa vez, procuran seguir incrementando indefinidamente o seu PIB nun planeta finito!).

Ao se identificar prosperidade e benestar con maiores cotas de produción e de consumo materiais, o que implica un maior gasto enerxético, decrecer o consumo de enerxía, reducilo en termos absolutos, non é unha opción a considerar polos promotores deste pacto enerxético de feito. Só se considera necesario ralentizar o crecemento do consumo enerxético a través da introdución de medidas de aforro e eficiencia enerxética de alcance limitado. Así, tanto o Plan Enerxético do bipartito (para o período 2007-2012), como o do Goberno Feixóo que o substituirá (durante o período 2010-2015), coinciden en achar aceptábel unha taxa anual de aumento da demanda de enerxía de “só” un 2%. Mantendo esta taxa, o noso consumo enerxético duplicaríase en 35 anos.

2) Conformar un “mix enerxético”  integrado tanto por enerxías sucias como por enerxías renovábeis, no que estas complementen, mais non substitúan totalmente, as sucias.

O “pacto” carece dun horizonte enerxético a longo prazo “100% renovábel”. Non hai unha folla de rota para construír durante as próximas décadas un modelo enerxético renovábel, tan necesario como posíbel. Da nosa elevada dependencia enerxética, moi superior á media europea, nin se fala. Non hai conciencia nin da urxencia nin da dimensión da crise ambiental (en particular do cambio climático) e da crise enerxética (especialmente do cénit do petróleo). De aí o escaso impulso ás renovábeis (coa excepción da eólica terrestre), a defensa da capacidade de produción das centrais de carbón, a promoción dun sistema territorial e de transporte devorador de enerxía e dependente do petróleo (ao que se pretende substituír parcialmente con agrocombustíbeis insustentábeis e con electricidade procedente en parte de combustíbeis fósiles), ou o excesivo protagonismo outorgado ao gas natural, ollado máis como enerxía “alternativa” que como enerxía de transición cara a un modelo renovábel, como mal menor temporal face ao carbón e o petróleo.

As diferenzas importantes canto a este obxectivo limítanse aos diversos posicionamentos fronte á enerxía nuclear, que van desde a oposición frontal do BNG á abertura do PP.

No que respecta á enerxía hidroeléctrica tamén hai diferenzas, mais hoxe, e como resultado da presión social, son ben menores do que eran non hai tantos anos, cando só o BNG se opoñía claramente a construír máis grandes encoros ou a encher os ríos de minicentrais. O PSOE amósase hoxe moito máis conservacionista nesta materia e o PP menos permisivo.

En materia eólica, asistimos a un curioso paradoxo. As mesmas forzas que non introduciron  desde a Xunta restricións ambientais adecuadas ao desenvolvemento da eólica terrestre, restricións  máis que xustificadas, rexeitan de entrada, disque por motivos ambientais, mais sen xustificar adecuadamente, o desenvolvemento da eólica mariña, nin con restricións nin sen elas. Non sabemos se rexeitarían por motivos ambientais a explotación dun hipotético xacemento de petróleo ou gas natural baixo as nosas augas mariñas pero non semella probábel.

3) Favorecer un sector potente de transformación de enerxía, tanto autóctona como importada, cunha clara vocación exportadora.  

Todas as forzas políticas queren que Galiza transforme máis enerxía, non só para consumo interno senón tamén para exportar, para así xerarmos máis “riqueza” e emprego. A cuestión é producir máis, non importa nin para qué nin para ónde. 

“Partido do carbón”

A creación dun “partido do carbón” para defender a capacidade de produción das térmicas de Meirama e As Pontes -agora fronte ao impresentábel decreto do carbón de Zapatero, en 2004 para reclamar unha xenerosa adxudicación de permisos de emisión de CO2 no marco do comercio europeo de emisións que se puxo en marcha en 2005- encaixa á perfección neste pacto enerxético galego. Os partidos “asinantes” do pacto compiten entre eles por se amosaren os máis dilixentes defensores das “estratéxicas” térmicas de carbón.  Nesta competición gaña o BNG,  o máis entregado á causa e o único capaz de defender o mesmo en Galiza, en Madrid ou en Bruxelas. Para os editorialistas da versión electrónica de Terra e Tempo, a revista do partido central do BNG, defender as térmicas de carbón é unha “causa nacional galega”.

Tan forte é o compromiso do BNG coas térmicas que até non tivo rubor en propor que tamén as renovábeis -e non só as centrais de carbón importado e os ciclos combinados- asuman a perda da torta eléctrica causada polo novo réxime especial creado por Zapatero para protexer o carbón español. Que saibamos, tal proposta non suscitou ningunha reacción  pública entre ambientalistas do BNG que en cambio si amosaron o seu malestar polo lanzamento do manifesto “Dez razóns para pechar as térmicas de carbón” (ver Decreto do carvom/manifesto polo peche das térmicas).

Para algúns a contradición ecoloxismo-produtivismo parece secundaria face á contradición Galiza-España. Din que son ecoloxistas e están a favor do peche das térmicas de carbón, pero sempre nun futuro indefinido e afastado e sen incorporar a loita contra as térmicas á súa axenda de traballo, a que reflicte as prioridades reais. Parece que se pode pedir o peche das térmicas en voz baixa e cando pase desapercibido, pero non en alto e bon son cando se libra unha batalla da que o BNG agarda obter bos réditos electorais nunhas comarcas e nun momento en que tanto os precisa.

Xosé Veiras García 

 

2 Responses to “Pacto enerxético entre PP, PSOE e BNG”

[…] Pacto enerxético entre Pp, Psoe e Bng cospesnaterra.info/blog/?p=277  por marinela o 15:13 CET […]

Dunha nota da Consellaría de Economía e Industria divulgada o 16 de novembro pasado, despréndese que o obxectivo do plano enerxético de non aumentar en máis dun 2% anual o consumo de enerxía (que aparece no documento de inicio) foi revisado no contexto da actual crise económica, e o plan enerxético que se está a elaborar pola Xunta pretenderá “conseguir reducir o incremento do consumo total, cifrado actualmente nun
1,01% anual, ao 0,27% no horizonte de 2015″.

Something to say?