Considerando tanto os impactos socioambientais a escala galega como os globais, non hai en Galicia industrias máis prexudiciais que as térmicas de carbón. Son as maiores responsábeis das nosas elevadas emisións por habitante de gases causantes do cambio climático, continúan sendo enormes focos de contaminación local,  usan de forma ineficiente un combustible fósil cuxa extracción pode ser moi destrutiva,… Pechalas sería o maior contributo á sustentabilidade en e desde Galicia.

A “fronte do carbón” que defende as térmicas galegas partilla a mesma visión que levou a Zapatero a promover o decreto que as discrimina. Unha visión produtivista incapaz de ver alén de intereses locais de curto prazo. Só desde a irresponsabilidade face ao urxente desafío da crise ambiental global, só desde a ausencia de sentido da xustiza climática, se poden apoiar de xeito tan obsceno as centrais eléctricas, con moita diferenza, máis ineficientes e máis intensivas en emisións de gases de invernadoiro. Pouco importa se o carbón é autóctono ou importado, as centrais de carbón son, en palabras de James Hansen –o científico da NASA pioneiro en alertar da crise climática- “centrais de morte”.

Aínda que o próximo acordo climático internacional sexa pouco ambicioso e equitativo, o futuro das centrais de carbón galegas albíscase máis ben negro. Se ademais temos en conta os múltiples beneficios que conlevaría a substitución do carbón polo aforro enerxético e as renovábeis –tamén en termos de emprego-, semella máis intelixente  abandonarmos canto antes o combustible máis contaminante que continuarmos aferrados a unhas industrias cos días contados. Do mesmo xeito que para outros nunca foi nin será oportuno, para nós este tamén é un bo momento para reivindicarmos o peche das industrias máis insustentábeis. E como fan en todo o mundo cada vez máis sindicalistas que asumen o imperativo da reconversión da industria dos combustíbeis fósiles, demandamos tamén unha transición xusta para os traballadores e territorios que se verían afectados negativamente.

Xosé Veiras. Responsábel de enerxía da asociación ecoloxista Verdegaia.

Unha versión en castelán deste artigo foi publicada hoxe na edición para Galicia do xornal El País, no marco do artigo “El carbón y la soledad ecologista”, que se acompaña tamén doutro artigo asinado por Piedad Viñas, da SGHN-Ferrol, “Por un cierre planificado”.

 

 

 

Something to say?