Boa parte da planificación e ordenación dun monte veciñal comeza polo coñecemento do mesmo dun xeito pormenorizado. Os seus lindes, a súa historia, a súa toponimia, o seu clima, vexetación, orografía…, xunto coa súa senlleira herdanza xeolóxica, cultural e até política e social: é a partir deste coñecemento como a xestión forestal cobra sentido e se pode realizar de maneira responsábel. E isto conséguese, no día a día, coa busca de documentación, coas visitas cotiás ao terreo e co diálogo constante entre a Xunta rectora, as asembleas horizontais, a veciñanza máis vella, a Administración e o persoal técnico cualificado.

A grandes trazos podemos definir o monte comunal da Parroquia de Covelo coma a mestura dun monte deforestado na súa historia máis recente polo sobrepastoreo, a presenza de plantacións de piñeiros (en grande parte rubios, Pinus sylvestris ) impostas dende a cúpula gobernamental a mediados do século pasado e a paisaxe accidentada típica da media montaña galega formada por cotos, cumes, chans, valgadas, cavorcos, ríos e brañas. Das súas case que 700 Ha de superficie, a metade correspóndense con masas arbóreas compostas por plantacións, bosques de ribeira e pequenos bosques autóctonos incipientes de rexeneración natural, mentres que outro tanto está composto por superficies de matogueira (algunha húmida con Erica ciliaris e Erica tetralix  e polo tanto considerada de interese comunitario) e grandes extensións de pasteiros.

A produción de madeira conxúgase co aproveitamento gandeiro e outros usos

Paradoxalmente, o abandono maioritario da actividade gandeira, e os outros labores do agro tradicional, maila introdución da silvicultura, están a favorecer un novo renacer do monte, onde se lles abre un escenario renovado aos eidos social, ecolóxico e produtivo. Así, a produción de madeira conxúgase co aproveitamento gandeiro dun modo simbiótico, cun pouco de modernidade e un chisco de tradición: mentres que a comunidade xestiona directamente a madeira das plantacións, os veciños e veciñas pastorean individualmente o seu gando nos pasteiros habilitados para tal motivo. As dúas actividades, lonxe de se pexar mutuamente, contribúen unha á mantenza da outra. Se, por unha banda, os pasteiros están dispostos e intercalados de tal xeito que funcionan como devasas verdes entre as distintas parcelas destinadasao aproveitamento madeireiro (onde as tallas nunca son a eito, senón selectivas mediante rareos), pola outra, cos cartos obtidos pola venda da madeira invístese no mantemento deses pasteiros con peches, cancelas, sementeiras, rozas… No entanto, os comuneiros e comuneiras poden continuar como antano a recoller leña, apañar o toxo e o carrasco para as cortes e tamén, como novidade, a procurar fungos e topar lugares para o seu esparexemento e lecer.

A función produtiva xoga un papel fundamental xa que, a fin de contas, sobre ela pivotan as actuacións e traballos que se realizan no monte. Desta maneira pódese investir na mellora da propiedade comunal e na súa conservación, atinxindo a catro aspectos básicos: o mantemento das plantacións, o coidado da súa rede de camiños, a protección e restauración dos seus bens arqueolóxicos e etnográficos e a preservación da biodiversidade (repartida nos seus diferentes hábitats e flora e fauna naturais).

Prevención de incendios

A batalla contra o lume gáñase ano tras ano, amais de coa disposición dos pasteiros, facendo rozas selectivas de prevención (mitigando así a tentación de queimar terreos por ser intransitábeis para as persoas), como os camiños, e os accesos ás cavadas, amais das faixas de protección xunto ás vivendas e núcleos de poboación, as áreas de pastoreo en mato… Tamén realizando traballos silvícolas como podar, rarear e rozar baixo arborado, confinando as plantacións en terreos separados (evitando así a continuidade de moitas hectáreas de piñeiral e contribuíndo, polo tanto, á paisaxe en forma de mosaico) e, por último, levando a cabo un exhaustivo programa de coidado e rexeneración do bosque autóctono nas vagoadas e arredor dos ríos, axudando a se asentar ás árbores que crecen espontaneamente e plantando outras novas, sobre todo bidueiros (axudando deste xeito a loitar contra eventuais incendios e fixando asemade espazos para a biodiversidade).

Xunto a isto, a comunidade aposta pola erradicación das, afortunadamente, escasas zonas ou manchas de eucaliptal: recentemente os eucaliptos (Eucalyptus globulus)  presentes na única parcela (de 5 Ha) inzada por estes pirofitos foron substituídos por bidueiros (Betula alba). Os pequenos bidueiros, aos poucos, irán rexenerando o solo antes ocupado polas frondosas, facilitando logo a aparición doutras especies autóctonas como as pereiras bravas (Pyrus cordata) e os carballos (Quercus robur)

Conservación do patrimonio histórico e etnográfico

Os labores na comunidade teñen en conta o patrimonio histórico propio. Co gallo da súa preservación, a comunidade realizou un estudo de investigación e localización do mesmo, tendo como resultado a catalogación de variasmámoas, petróglifos, un castro e até un asentamento romano. O legado etnográfico tamén se incluíu no mesmo estudo, contando con cruces de pedra, gravados de termo, pontellas, muíños, pozas de regadío…, culminando na restauración de varios muíños e do contorno do castro de Covelo e da súa cruz e petróglifo.

Conservación da biodiversidade

De xeito parello levouse a cabo un estudo do medio natural, para saber que tipo de hábitats conservar e que especies de flora e fauna están presentes no monte comunal. Entre a fauna cabe salientar a presenza do lobo (Canis lupus signatus), do corzo (Capreolus capreolus) e do porco bravo (Sus scrofa) amais de contar nos piñeirais de Fontefría cunha das poucas poboacións reprodutoras de bicotorto común en Galiza (Loxia curvirrostra). Asemade, no devandito estudo fíxose un esforzo por delimitar as zonas ocupadas por turbeiras (as “porcas preñas”) para rematar por sinalalas mediante paneis informativos para a divulgación dos seus valores ambientais coa súa riquísima biodiversidade derivada da súa natureza enchoupada nos que se salienta o seu rol como reservas de auga e reguladores do caudal dos ríos.

Ruta de sendeirismo

Co ánimo de achegar máis o monte aos veciños e veciñas e aos visitantes, e para unha maior valoración deste, a comunidade de Santiago deCovelo acaba de poñer en marcha unha ruta circular de sendeirismo onde se poden observar cada un dos hábitats que conforman o seu espazo, á vez que se poden ver algúns exemplos do patrimonio cultural do lugar. A través deste sendeiro sinalizado podemos ollar a transformación do medio natural por parte da cultura tradicional agrícola e gandeira propia da zona, así como os novos usos que o monte veciñal en man común vai tecendo para que a súa xestión sexa perdurábel no tempo.

Hogano a Comunidade proxecta, a partir da venda da súa madeira, dotar ás casas da veciñanza de paneis térmicos solares para quentar a súa auga de consumo doméstico e contribuír así a un mundo máis xusto e sustentábel.

Alexandre Cendón González. Membro do consello de redacción de Cos Pés na Terra e presidente da CMVMC de Santiago de Covelo.

Artigo publicado no  número 62 da revista Cerna.

Something to say?