Na memoria de Julio Martínez da Silva e Rodrigo Amo González. A todos/os os/as traballadores/as forestais

Dous terzos do noso país son monte. Dous millóns de hectáreas conforman o territorio forestal galego, inseridas no cerne do que chamamos medio rural. Alén dos confortábeis despachos enmoquetados e dos quilómetros de autovías asfaltadas que unen os grandes núcleos urbanos de Galicia, topamos co que foi e terá que seguir sendo o noso sustento físico e espacial se queremos continuar a existir como sociedade na Terra: o monte galego.

Porén vivimos de costas a el, até que un verán detrás de outro, volve saltar á palestra dos medios de comunicación o problema dos incendios. Nese intre é cando a atención se focaliza no monte, pero o fume das lapas e o espectáculo de declaracións baleiras d@s responsábeis polític@s non deixa entrar no fondo da cuestión. E ese fondo amosa un modelo forestal ruinoso para o país e por ende ruinoso para o rural, incapaz de saír adiante a pesar das súas potencialidades. Un modelo forestal incardinado na interesada e dirixida descomposición do rural, namentres se espalla o desánimo e o valor das terras decae para beneficio de outros. Así é como moitas grandes empresas e as súas prácticas especulativas se asentan no monte e se converten en viábeis economicamente trasladando os custos das súas negativas consecuencias ao conxunto da sociedade: como o millonario orzamento para extinguir os incendios.

O goberno agocha intencionadamente esta realidade para amosar unha “Galicia ficción” onde as imaxes do xacobeo e as declaracións estelares do presidente Feijoo sitúan o país na panacea política. Non hai problemas, porque os ocultan, como os datos sobre os lumes. Mais a realidade é teimuda e os incendios asoman xa non pola xanela do televisor, senón que se atreven a ser vistos a través das fiestras das nosas casas.

O monte non pode ser xestionado dende as alturas por grandes empresas nin polo desleixo da administración, para ser abandonado nun dobre sentido: á sorte da especulación do capital privado en forma de milleiros de enormes canteiras, parques eólicos quilométricos, grandes monocultivos de eucaliptos e piñeiros…, e tamén abandonado polos seus habitantes sen oportunidades materiais de vida. A solución ten que pasar, en definitiva, por ter un rural e un monte vivos, onde os protagonistas sexan os seus habitantes para escapar da morte, como a que aparece coa súa sinistra presenza tras un incendio forestal.

É hora dun gran pacto social e político que mude esta tendencia estrutural de despoboamento do rural para primar e ter en conta a diversidade de funcións do noso monte (ecolóxicas, económicas, produtivas, culturais, sociais…), onde a extinción deixe paso á prevención; esta é a única vía efectiva para nos desfacer da ameaza constante de pasar dunha Galicia verde a outra negra.

Cando @s polític@s deixen de inventar tramas de incendiarios organizadas, de buscar escuras pulsións de criminais potenciais, de ollar nestas catástrofes oportunidades rastreiras para extraer réditos electorais a curto prazo e de ver a política forestal como un asunto de papel —mediático, máis que como un asunto de suma importancia transcendental para o país—, quizais entón terá chegado o momento cando se abranga a política forestal con seriedade e rigorosidade: en clave de futuro e de sustentabilidade, que é o mesmo.

Alexandre Cendón

Publicado en Xornal de Galicia (14 de agosto de 2010)

 

Something to say?