15882.jpgA demagoxia, as elucubracións sen fundamento, as distorsións da realidade, o partidismo,… estiveron sempre moi presentes nos debates sobre os incendios forestais en Galiza. Entre os episodios máis miserábeis da política autonómica  merecen ocupar un lugar de destaque as acusacións lanzadas desde o/s partido/s do goberno contra o/s partido/s da oposición de estaren detrás de moitos incendios, acusacións das que foron sucesivamente responsábeis e vítimas tanto PP coma PSOE e BNG. E das que fomos vítimas tamén, cando gobernou o PP, todos os ecoloxistas (aínda que unha parte tamén foron responsábeis, do que quedou constancia durante vaga de lumes de agosto de 2006). Cando menos polo de agora, o PP de Feixóo non recuperou estas acusacións, aínda que veremos o que acontece cando veñan crises incendiarias graves que afecten ao conxunto do país.

O Goberno do PP volve aplicar o escurantismo á súa política informativa sobre os incendios, o que está a motivar as críticas da oposición, que non ten sido precisamente un modelo de transparencia cando estivo á fronte da Xunta. Asistimos pois ao que Luís Alvarez Pousa, director de Tempos Novos e columnista de El Ideal Gallego, cualifica, nun artigo moi atinado titulado “O corazón do bosque”, de “regueifas mediáticas nas que políticos de goberno e oposición interpretan para as cámaras, con ou sen mangueiras de regar na man, os seus intercambiables papeis de pirómanos e bombeiros. Diante desa teatral representación, un acaba interiorizando o fracaso da política nesta e noutras cuestións que desde hai trinta anos veñen poñendo a proba a nosa capacidade de autogoberno”.

Un fracaso político e social que ten a súa orixe en non vermos o carácter estratéxico do rural, que nunca recibiu a atención posíbel e desexábel dos orzamentos públicos. Cabería facer distincións entre elas, mais acho que ningunha forza política ve o rural realmente como algo estratéxico. Polo menos non tanto como as estradas e o AVE, as centrais térmicas de carbón, a industria do automóbil,… certamente estratéxicos, mais para persistirmos nun modelo económico insustentábel.

One Response to “Regueifas mediáticas arredor dos lumes”

joder, que razon tes.

Something to say?