Os debates sobre a cuestión enerxética en Galiza adoitan xirar arredor de cómo maximizar os beneficios socioeconómicos para o noso país da actividade dun sector transformador de enerxía maioritariamente en mans de transnacionais privadas de capital non galego e  demasiado orientado. cara ao exterior.  A miúdo, as propostas en discusión só tratan de ampliar a “torta enerxética” -mantendo e ampliando a capacidade de transformación, non importando se se tratar de enerxía sucia ou renovábel, nin de cal for o seu uso ou destino- e de facer que un  bo pedazo desa “torta enerxética”  revirta en beneficio da economía galega. Cómpre ampliar a ollada e situar tamén en primeiro plano asuntos como a altísima dependencia externa (en termos de enerxía primaria), o escaso peso das renovábeis no conxunto do mix enerxético ou os impactos ambientais dentro e fóra de Galiza asociados ás transformación enerxéticas que teñen lugar na nosa terra e a un consumo enerxético galego excesivo e ineficiente.

No marco do curso de verán  da Universidade de Santiago “É posible outra economía?. A economía ecolóxica: aspectos conceptuais e aplicacións”, dirixido por Xoán Ramón Doldán García (Dpto. de Economía Aplicada) e María Luísa Chas Amil (Dpto. de Economía Cuantitativa), fixen unha aproximación desde o ecoloxismo social á xestión da enerxía en Galiza, recollida no texto Unha aproximación á situación enerxética de Galiza desde o ecoloxismo social e  nunha presentación.

Something to say?