Cando unha empresa provoca unha catástrofe ecolóxica, ou cando un espazo rico en biodiversidade é brutalmente agredido, tendemos a cualificar o acontecido como “terceiromundista”, como algo propio dun país “atrasado”, inculto, corrupto, sen autoestima polo propio. É ben sabido que o “primeiro mundo” é outra cousa.  Mima o seu patrimonio natural máis valioso, gobérnase con competencia e con responsabilidade. Sobran en Europa exemplos diso, de norte a sur, mais tamén abundan en América do Norte, e véñenme á cabeza tres casos especialmente  reseñábeis, algún moi de actualidade nas últimas semanas, todos relacionados coa explotación de combustíbeis fóseis.

O estado máis rico do mundo permitiu, con escaso control, unha arriscada perforación petrolífera nas súas augas mariñas promovida por unha das maiores transnacionais (primeiromundista) do mundo, cuxa imprudencia e incompetencia (e afán de lucro) levou á horrorosa marea negra  que afecta o Golfo de México. E é que cando se trata de procurar combustíbeis fóseis alimentar a sobreprodución e o sobreconsumo dos países enriquecidos non só non importa provocar, accidental ou deliberadamente, directa ou indirectamente, catrástrofes ecolóxicas en países “terceiromundistas”. “Se non queda máis remedio”, pódese estragar o propio país, legalizando a catástrofe.  Así,  tamén en EEUU, podemos admirar nos Apalaches  a técnica de extracción de carbón altamente destrutiva que recibe por alá o ilustrativo nome de  “Mountaintop removal (MTR)”. E máis ao norte, en Canadá, podemos contemplar a que, se cadra, é a maior agresión local ao ambiente en todo o planeta: a explotación de areas alquitranadas en Alberta. O “primeiromundismo” é así.

PD.: Logo de escribir o texto anterior leo unha referenza a un artigo científico sobre a deforestación entre 2000 e o 2005 nos países con maiores superficies arborizadas. Onde se rexistrou a taxa de deforestación máis alta? Pois en EEUU, cuxa taxa de deforestación no devandito período foi dúas veces maior que a de Indonesia e dez máis que a da República Democrática do Congo.

Something to say?