Joaquim Sempere, Profesor de Teoría Sociolóxica e Socioloxía Ambiental da Universidade de Barcelona, lembra nun artigo publicado no xornal Público, “Aviación y volcanes”, que voar en avión, o modo de transporte enerxeticamente máis ineficiente, é “un luxo ambientalmente moi caro” cuxos custos socioambientais –en particular, en termos de mudanza climática- hoxe están lonxe de se reflectiren nos prezos dos billetes, o que propicia “o uso trivializado e abusivo do avión” por parte da “quinta parte privilexiada da humanidade”. Por iso, Sempere propón encarecer as viaxes en avión, pois “só se nos acostumamos a pagar todos os custos das nosas actividades correspondentes á deterioración do medio natural, aprenderemos a respectalo”.

Entre 1990 –ano de referencia para o Protocolo de Quioto, que exclúe a aviación internacional- e 2007, a cantidade de voos no mundo duplicouse. No mesmo período, nos aeroportos galegos o tráfego anual de avións pasou de 14.568 a 50.725.  Para contribuír a que este tráfego siga crecendo -para que, como declarou hai pouco Abel Caballero, alcalde de Vigo, non se vexa constrinxido polas limitacións das infraestruturas- vanse ampliar nos próximos anos os tres aeroportos do país. Mentres aquí ampliamos aeroportos, unha das primeiras decisións do novo goberno conservador-liberal do Reino Unido foi paralizar a ampliación do aeroporto londinense de Heathrow, logo de anos de intensos protestos cidadás polo impacto negativo que tería sobre o clima (máis tráfego, máis emisións de CO2) e as poboacións locais. Unha ampliación á que se opuxeron todos os candidatos á alcaldía de Londres nas últimas eleccións locais.

Something to say?