No Día das Letras, dedicado este ano a Uxío Novoneyra, non tería habido mellor homenaxe ao poeta do Courel que a de garantir a conservación do patrimonio natural e cultural do territorio protagonista de “Os eidos”. É o que propuxo Javier Guitián, catedrático de Botánica da Universidade de Santiago e promotor da Estación Biolóxica do Courel, nun artigo seu, “¿Habrán leído a Novoneyra?”, publicado en “La Voz de Galicia”. “A verdadeira homenaxe neste día non é só ler e difundir a súa obra senón tamén conservar todo aquilo do que nela fala e que está a piques de desaparecer”. Porén, a Consellaría do Medio Rural preferiu a anti-homenaxe de  adiar de novo a declaración do Courel como parque natural. Ao ver de Javier Guitián, desde a consellaría que se ocupa do medio rural “transmítese unha mensaxe que liquida calquera oportunidade futura para a comarca”.

No Courel, máis concretamente en Parada de Moreda, coincidiu Novoneyra coa escritora María Mariño, a quen hai tres anos se dedicou o Día das Letras -excusa para publicarmos no número dous de Cos Pés na Terra un artigo sobre ela de Isabel González Avión, “Misteriosa María“. Desta confluencia nunha aldea da alta montaña de apenas dez casas xurdiu “un taller de alta poesía”, “un fito cultural sen parangón”, en palabras de José Antonio Durán, que vén de presentar o seu documental “Tempo de Elexía. María Mariño, entre Eugenio Novo e Novoneyra”.  

courel.JPG

 

 

 

Something to say?