A presenza cada vez máis importante e continuada dos temas ambientais nos medios de comunicación non é fortuíta. Por suposto, non me estou a referir a calquera tipo de temática ambiental senón á que ten que ver coa problemática derivada da crise ecolóxica. Isto é así porque os datos achegados por multitude de científicos, colectivos e institucións non deixan espazo para a dúbida. A partir deles é como a preocupación sobre o medio ambiente vaise facendo un oco meirande nas axendas políticas dos diversos gobernos, foros e institucións internacionais e viceversa: a preocupación das administracións políticas e da sociedade civil tamén propician que os estudos e as análises arredor da crise ecolóxica sexan meirandes e conten cun maior apoio e con máis partidas orzamentarias.

Asistimos a unha repunta do interese da problemática referida ao medio ambiente equiparábel á eclosión xurdida entre as décadas dos sesenta e setenta do século pasado, onde a atención se centraba por vez primeira nas nefastas consecuencias dun determinado modo ou sistema social (encarnado indistintamente polos dous grandes polos políticos enfrontados daquela: capitalismo e comunismo real), que non tiña en conta a súa situación no medio ambiente natural e que repercutía sobre o mesmo dunha maneira inversamente proporcional ao seu desenvolvemento económico: a sociedade industrial. Froito dese intre histórico é o ecoloxismo que, como un novo movemento social, acadou o estatus de nova ideoloxía política, ao carón das tradicionais coas que dende aquela se mide e que se vertebra como tal, en torno a tres ideas principais: a) o concepto de finitude da Terra (que constrinxe os desenvolvementos demográfico e económico), b) a concepción do ser humano como un ser natural e c) a interdependencia e relación de tódolos seres vivos que forman a ecosfera.

A difusión en 1968 da imaxe do noso planeta captada polo Apolo VIII, sirve para ilustrar a toma de conciencia naquel momento do carácter finito da Terra, dos límites das súas fontes e dos seus sumidoiros, así como a pertenza a unha mesma comunidade biótica composta indistintamente por tódolos seres vivos. Esta finitude (posta de manifesto amais durante a crise do petróleo en 1973) unida á sensación de fraxilidade e de inseguridade para a vida provocada pola ameaza nuclear, foron determinantes para a formación da conciencia verde, tal como se fixo ver coa publicación do informe encargado polo Club de Roma ao MIT, The Limits to Growth (Meadows e outros, 1972) e polo famoso manifesto realizado por un dos pais do ecoloxismo, Edward Goldsmith, A Blueprint for Survival (1972).

Hoxe, unha vez que o ecoloxismo ten uns alicerces máis sólidos como pensamento e ideoloxía (a pesar da súa mocidade e variedade ou heteroxeneidade internas), amais de posuír unha práctica política tamén importante (como quedou amosado co paso polo goberno alemán do partido dos verdes, Die Grünen) e que as ciencias ou saberes ambientais cada vez están máis fornecidas, os problemas xerados polas nosas sociedades na contorna ambiental non cesan, senón que aumentan. O carto informe que o IPCC —Intergovernmental Panel on Climate Change, organismo auspiciado pola ONU— elaborou ao longo de 2007, Climate Change 2007, apunta a un futuro pouco esperanzador cuns escenarios onde se pode enxergar o colapso referido por Meadows no libro citado (1972).

Así e todo, non falla quen negue a magnitude da crise ou mesmo a súa existencia. O caso do profesor danés Bjørn Lomborg, simboliza a reacción ideolóxica cara ás teses defendidas polos verdes, e o que é máis significativo, contra os datos que manexan multitude de científicos e especialistas sobre a deterioración ambiental da Terra, intentando deste xeito furar o cerne, o núcleo duro, a partir do que se desenvolven as teses ecoloxistas. O seu intento co libro The Skeptical Environmentalist. Measuring the Real State of the World (2001) non é casual, pois son estes datos os que dan forza ao pensamento político verde e o sitúan nunha posición preeminente sobre os seus adversarios, ao contar con feitos contrastados e orixinados dende unha comunidade científica que conta co amparo da obxectividade.

No entanto o ecoloxismo, co seu discurso crítico, debulla un proxecto político-social alternativo, un novo modelo social onde se dea unha relación harmónica entre ser humano e natureza, unha relación distinta da estabelecida polo despregamento da Modernidade. Por iso, para chegar a esa sociedade é necesario acadar un cambio de paradigma, un cambio ético e político profundo nas sociedades actuais.

Mais, como será ese paradigma? E como chegaremos a el? Algunhas das respostas atópanse recollidas na ética, no dereito, na economía e no pensamento político verdes. A ética ambiental céntrase nos valores que deben conducir até ese cambio, coa orixinalidade de ter en consideración o ámbito do non-humano e ás xeracións futuras. Estende a apreciación e consideración morais fóra do círculo humano, co propósito de dotármonos dun conxunto de principios para guiar o noso trato coa natureza. Deste modo, podemos distinguir entre unha ética antropocéntrica e unha ética ecolóxica. O ecoloxismo desenvolve unha ética ambiental biocéntrica, ecocéntrica, holista e animalista, é dicir, unha ética centrada na vida, unha ética centrada na comunidade biótica e abiótica, unha ética centrada no todo, holística —a biosfera e os seus ecosistemas— e unha ética centrada en tódolos animais (estas éticas pódense presentar por separado ou combinadas).

Conxugada co anterior, a política verde debátese en diversas pronuncias como son a ecoloxía social fundada por Murray Bookchin —coa súa mestura de anarquismo e ecoloxismo—, a ecoloxía profunda de Arne Naess —e o seu igualitarismo bioesférico—, o ecosocialismo —que instaura como novo suxeito revolucionario ao ecoloxismo—, o ecofeminismo —que ten no punto de mira á sociedade patriarcal, produtora dos desaxustes ambientais—, o ecoloxismo dos pobres —tal como o relata Joan Martínez Alier (2005), facendo referencia á débeda ecolóxica—, o constitucionalismo ambiental —necesario, segundo Tim Hayward (1999), para realizar unha cooperación a grande escala—, a economía ecolóxica de Herman Daly…, que se imbrican con outras formulacións ambientais de moitas e distintas formas.

A crise ecolóxica supón un reto para a humanidade que require unha reacción que estea á súa altura. Desa reacción depende nin máis nin menos que o mantemento das mesmas bases materiais da vida, sen as que ningunha sociedade pode existir, darse e prolongarse no tempo. Precisamente, segundo isto, calquera ideoloxía ten que considerar que para a súa materialización na sociedade que defende ou prescribe —incluída a sociedade liberal—, debe asentarse nunhas “bases biofísicas” que non pode destruír e das que non pode prescindir, baixo prexuízo de se eliminar a si mesma. E esta é a encrucillada na que nos atopamos hoxe en día: calquera sistema político ten a necesidade e a obriga de se adaptar a unha sustentabilidade forte, na forma dunha sociedade sustentábel común e independente fronte ás ideoloxías, como requisito previo e indispensábel para a súa perpetuación política, económica e social, así como para o despregue de tódalas formas de Boa Vida dos individuos da sociedade.

Se é certa esta necesidade imperiosa de conversión dirixida á sustentabilidade, a pregunta que nos temos que formular é a seguinte: camiñamos cara a sociedade sustentábel preconizada polo ecoloxismo? Se é así, entón, confluímos no verde.

Alexandre Cendón

Artigo publicado no número 154 (marzo 2010) da revista Tempos Novos

 

 

 

Something to say?