1996. 830 millóns de persoas pasan fame no mundo. En Roma celébrase unha Cimeira Mundial da Alimentación na que se establece o obxectivo de reducir esta cifra á metade para 2015. Mentres os xefes de Estado e de goberno adoptan este acordo, a Vía Campesina, un movimento labrego internacional xurdido tres anos antes, apresentaba na mesma cidade europea a súa alternativa: a soberanía alimentar.

A proposta foise completando e mellorando até que en febreiro de 2007, en Sélingué (Malí), representantes de organizacións labregas, de pastores, de pobos pescadores, de consumo responsábel, feministas, indíxenas, ecoloxistas… de todo o mundo se reuniron no Foro de Nyéléni para, ademais de fixar unha definición de “soberanía alimentar”, pór en marcha un proceso global de construción desta desde o local. Nese mesmo ano, 2007, as persoas famentas superaron os 850 millóns, a pesar de que en 2000, na Cimeira do Milenio das Nación Unidas, se aprobaran uns obxectivos de desenvolvimento entre os que se atopaba –e se atopa– o de reducir á metade, para 2015 e con 1990 como ano de referencia, a proporción de persoas que pasan fame.

Pouco máis dun ano despois, en abril de 2008, presentábase publicamente en Compostela a ISAP (Iniciativa pola Soberanía Alimentar dos Pobos). Tras algúns meses de contactos, e seguindo o mandado de Nyéléni, nascía unha alianza formada daquela por catro organizacións: Amarante, Sindicato Labrego Galego, Veterinarios Sen Fronteiras e Verdegaia. O obxectivo? “Dar a coñecer, construír e defender a soberanía alimentar dos pobos en e desde Galiza, cos pés na terra e cunha ollada global”. A iniciativa pretendía ser “o comezo de algo muito maior”, xa que partía da certeza de que eran máis as entidades e persoas que consciente ou inconscientemente estaban xa a traballar pola soberanía alimentar, e muitas máis aínda as que se verían beneficiadas polo avanzo desta.Desde o sindicalismo agrario, a agroecoloxía, a cooperación para o desenvolvimento, o consumo responsábel e o comercio xusto, desde o ecoloxismo e o feminismo, defendendo terras de cultivo, bancos marisqueiros ou a pesca artesanal, promovendo o aleitamento materno, recuperando saberes… son muitas as iniciativas galegas de construción de soberanía alimentar, chámenlle así ou non.

A ISAP non inaugura o traballo pola soberanía alimentar en Galiza –o Sindicato Labrego Galego, por exemplo, leva anos implicado na Vía Campesina– nen o ten en exclusiva, mais si comezou unha coordenación de esforzos para dar a coñecer esta alternativa e fíxoo nun ano marcado pola crise dos prezos dos alimentos. En 2008, ano de marcas históricas nas colleitas de cereal, a especulación e a indefensión fronte ao mercado “libre” elevaron a 920 millóns as cifras da fame.O industrialismo en xeral –agora en forma de globalización capitalista– e a agroindustria en particular, continúan o seu proceso de destrución socio-ambiental: polución, sobreexplotación, desertificación, expulsión ou mesmo eliminación física de poboacións labregas e indíxenas, mudanza climática, esmagamento da biodiversidade… crise(s). E son xa, en 2009, máis de 1.000 millóns as persoas que padecen fame no mundo, na súa maioría, paradoxalmente, persoas ligadas ao rural, á produción de alimentos.A ISAP proseguiu co seu labor e medrou incorporando á Cova da Terra, Eirado, Emaús Fundación Social, Fundación Galicia Verde, Panxea e Semente. Seguindo o plano de traballo deseñado nos seus comezos puxo en marcha a organización dunhas Xornadas Galegas de Soberanía Alimentar ás que nos estamos a achegar cando este texto se redacta. O obxectivo destas xornadas, ademais de continuar a dar a coñecer a soberanía alimentar, é o de propiciar un encontro entre todas aquelas persoas e entidades que traballan pola soberanía alimentar en Galiza –chamándolle así ou non, consciente ou inconscientemente–, están interesadas nela ou se beneficiarían do seu avanzo. Este encontro e recoñecimento, reforzado coa celebración dunha feira con presenza de produtores de alimentos e organizacións sociais, debería supor un importante paso adiante nese camiño cara a “algo muito maior”.

Mais porqué desde Galiza? Para que?

“Poden ser muitas as cousas que consideramos importantes para as nosas vidas, pero só unhas poucas son imprescindíbeis para (sobre)vivir, unha delas é a alimentación”. Con esta frase comeza o manifesto fundacional da ISAP. A soberanía alimentar foi definida no Foro de Nyéléni como “o direito dos pobos a alimentos nutritivos e culturalmente apropiados, acesíbeis, producidos de forma sustentábel e ecolóxica, e o seu direito a decidir o seu propio sistema alimentar e produtivo”.En Galiza non temos problemas de fame e desnutrición como os padecidos nas periferias globais. Con todo o periférico que poda ser este país, facemos parte dun centro económico global, estamos entre a minoría privilexiada que se pode permitir importar alimentos de calquer lugar do planeta, a minoría que non coñece o desabastecimento e que basea a súa seguranza alimentar no seu poder adquisitivo. Quer isto dicir que temos soberanía alimentar? Non, nen temos nen respeitamos a dos demais.A nosa capacidade, individual e colectiva, para decidir que alimentos producir e consumir e como o facer é cada vez menor. Políticas desenvolvimentistas primeiro –desde a segunda metade do século XX– e neoliberais despois –como a PAC na UE– incentivaron e incentivan, desde todos os niveis de goberno, o abandono da produción agraria; o despoboamento rural; a concentración da produción, distribución e comercialización de alimentos; o acaparamento de terras e a criación de extensísimos monocultivos en países empobrecidos para nos alimentar a nós, ao noso gando ou aos nosos coches; a sobreexplotación de caladoiros… a destrución ambiental e social, local e global.  Así, vemos desaparecer a nosa soberanía alimentar ao tempo que erosionamos a doutras persoas e pobos e a das xeracións futuras.O industrialismo e o seu modo de producir/extraer, distribuír e comercializar alimentos xera fame, desnutrición e malnutrición, alimenta a crise ecolóxica e está a fabricar unha crise alimentar global.

Fronte a este sistema, a soberanía alimentar –que cumpre non confundir con autarquía nen cunha sorte de patriotismo alimentar ou gastronómico– apreséntase como unha alternativa democratizadora da alimentación e xeradora de sustentabilidade ecolóxica e xustiza social.Para xerar emprego e construír un rural vivo; para reducir a pegada e débeda ecolóxica da nosa alimentación baseándoa en produtos locais, saudábeis e sustentábeis; para frear a mudanza climática, diminuír o noso disparatado consumo enerxético e tomar o camiño do decrescimento sustentábel; para (re)tomar o control sobre a nosa alimentación… cumpre construír soberanía alimentar, por medio de iniciativas de produción, distribución e comercialización alternativas, mais tamén facendo movimento social e actuando local e globalmente para substituír as políticas industrialistas por outras que entendan a alimentación como un direito e non como un negocio máis, que favorezan a produción sustentábel a pequena escala orientada ao mercado local, políticas que teñan como prioridade alimentar o mundo e non enriquecer unhas poucas persoas e especular.

En Galiza pouco a pouco van surxindo iniciativas neste sentido: agricultura e gandaría biolóxicas, cooperativas e asociacións de consumo responsábel, explotación sustentábel de bancos marisqueiros, reservas mariñas aliadas da pesca artesanal, comercialización directa e local, recuperación de montes, oposición aos transxénicos, procura dun ordenamento territorial xusto e sustentábel… Aínda que os retos e ameazas non son poucos: poderosas transnacionais de agrobiotecnoloxía; grandes superficies de distribución e comercialización; a OMC; a PAC; dúmping; degradación e artificialización de solos; contaminación de acuíferos, ríos e rías; recheos; especulación;  mudanza climática…Disto falaremos o 27 e 28 de febreiro en Compostela, nas Xornadas de Soberanía Alimentar organizadas pola ISAP, con persoas dedicadas á produción de alimentos, á súa comercialización e ao activismo, conferenciantes de Mozambique, Chile, Cataluña, País Basco e Galiza.

Cara a un foro galego pola soberanía alimentar?

Celebradas as Xornadas, que camiño tomará o movimento pró-soberanía alimentar en Galiza e máis concretamente a ISAP? A intención é a de seguir adiante, acumulando forzas, tecendo rede, e non só en Galiza, integrándose no proceso estatal por fin en marcha –o da ASAP (Alianza pola Soberanía Alimentar dos Pobos)– e atendendo a un posíbel proceso europeu. O obxectivo, manténdonos fieis a Nyéléni, debe ser o de construír soberanía alimentar desde onde isto se pode facer: o local. Se as xornadas cumpren o seu cometido dando máis a coñecer esta alternativa e propiciando o encontro entre persoas e organizacións que a apoiamos, debería funcionar como elemento impulsor dun proceso galego amplo e participativo –que poderiamos chamar foro– a través do cal analisar a situación na que se atopa a soberanía alimentar no noso país e desenvolver iniciativas para a construír e reforzar.

Porque queremos decidir sobre os alimentos que producimos e consumimos; porque queremos e necesitamos un rural vivo; porque as xentes que traballan a terra e o mar teñen direito a producir os alimentos básicos e vivir diso dignamente; porque queremos e podemos vivir sen devorar o planeta e o futuro; porque acabar coa fame e a desnutrición é posíbel, superando o industrialismo… Tamén en Galiza, é a hora da Soberanía Alimentar!

Xosé María García Villaverde

Publicado no suplemento Altermundo do xornal Galicia Hoxe

Something to say?