Segundo unha nota de prensa divulgada pola Universidade de Santiago (USC), un grupo de investigación desta universidade, dirixido polo catedrático de Edafoloxía Francisco Díaz-Fierros, está a estudar en Mesón do Vento (Ordes, A Coruña) o impacto dos eucaliptos sobre a auga ao longo dun turno de corta de 15 anos. O coordenador da investigación, que aínda non concluiu, avanzou que se están a constatar efectos negativos importantes durante a época estival.  O profesor Díaz-Fierros sinala que “se se observan os datos a escala global do ano non se aprecian estes efectos,  xa que no inverno, ao chover tanto, sobra auga; pero durante o verán nótase  moito a influencia negativa, de tal forma que máis dun ano chegouse a secar  o río”.

 Este estudo semella reforzar a afirmación -fundamentada noutras investigacións e nas observacións de labregos ou de naturalistas- que facíamos no artigo O impacto ambiental dos eucaliptais en Galiza, publicado no número 4 de Cos Pés na Terra, de que “mesmo naquelas zonas con elevadas precipitacións no conxunto do ano, as plantacións de eucalipto poden incidir negativamente sobre a dispoñibilidade de auga durante os períodos secos.Hai que ter en conta que estes períodos, coa mudanza climática en curso, poderían ser máis duradoiros no futuro”.

Something to say?