Jordi Roca Jusmet, Catedrático do Departamento de Teoría Económica da Universitat de Barcelona, reflexiona no relatorio “Crisis económica, crisis ecológica y el resurgimiento del keynesianismo”, recollido en Mientras tanto-e, sobre as respostas perante a crise económica no contexto dunha “crise ecolóxica cunha dimensión diferente e de solución aínda máis difícil”. Asumindo a crítica á identificación entre éxito económico e crecemento do PIB, Jordi Roca é partidario de situar o foco da discusión, máis que na disxuntiva entre crecemento e decrecemento económico, en definir qué actividades fomentar e cais desincentivar, e en cómo distribuír tanto os ingresos e os servizos públicos como o emprego.

Perante o keynesianismo ou “new deal” verde -a proposta de impulsar as enerxías limpas e a conservación ambiental como parte fundamental dunha estratexia de investimentos públicos destinados a superar a crise económica- Jordi Roca ve aspectos positivos pero tamén negativos.Como aspectos claramente positivos salienta a revalorización do papel do sector público na economía e o aumento do gasto público en protección social, en servizos públicos e en reestruturar a economía para tornala máis sustentábel. 

Porén,  preocúpalle que se defendan os investimentos no “sector enerxético-ambiental” “non tanto pola súa necesidade para unha maior sustentabilidade senón polo seu posíbel papel como novo “motor de crecemento económico”. Neste caso estariamos perante un uso oportunista do argumento “verde”. Tampouco debería contemplarse como un obxectivo en si mesmo a xeración de actividade económica e de emprego, “pois un camiño cara a unha maior sustentabilidade ha  implicar tamén —ou mesmo sobre todo— mudanzas que non xeran actividade económica e requerimentos de traballo senón que os reducen: maior durabilidade dos produtos, menos consumismo, maior austeridade nos países ricos”. 

Na miña opinión, atrás do “keynesianismo verde” que se defende desde certos ámbitos  non está a vontade de progresar cara á sustentabilidade, cun profundo sentido de xustiza global, senón simplemente o desexo de retomar o camiño do crecemento económico, entendido como condición necesaria para o benestar social. É o caso do Goberno Zapatero que, convertido ao “keynesianismo verde”, está a elaborar unha Lei de Economía Sustentable. Seguramente terá aspectos positivos, mais é de agardar que sexa máis ben unha Lei de Crecemento “Sostido”. Unha lei improvisada e caixón de sastre que non vai supor un xiro decidido cara á sustentabilidade.  Sobre a súa xestación, e sobre as viraxes, inconsistencias e contradicións dun goberno que é verde ás veces no discurso e case nunca nas políticas, escribe Rafael Méndez un artigo en El Pais cun ben escollido titular: “Y ahora…sostenibles”. 

Déficit público e presión fiscal

 Sobre o aumento do déficit público, Jordi Roca –co autor, con Joan Martínez Alier, do libro  “Economía ecológica y política ambiental”- é partidario de non frivolizar, tendo en conta que nos países da zona euro o déficit finánciase con débeda pública. Se un é escéptico sobre as posibilidades e a propia desexabilidade do crecemento económico, cabe pensar  que a carga futura da débeda podería representar unha porcentaxe importante da renda e do gasto público. 

Polo tanto, a tendencia debería ser a aumentar a recadación fiscal, como vén de decidir o Goberno Zapatero despois do verán. Mais de que xeito? Pois, a xuízo de Jordi Roca,  por unha banda, revisando a actual fiscalidade favorábel para os ingresos do capital e aumentando a fiscalidade sobre os ingresos medios e elevados (o que reduciría o consumismo). Por outra banda, dando pasos decisivos cara á fiscalidade ambiental, non só para incentivar mudanzas de comportamento senón tamén para incrementar os ingresos fiscais. Veremos se as propostas que o Goberno central vai presentar proximamente seguen ou non, e en qué medida, estes criterios. A recente suba do imposto sobre os hidrocarburos vai no sentido correcto. 

Como afirma Jordi Roca noutro artigo, “Ante la crisis, ¿viva el crecimiento económico?”, este publicado na Revista de Economía Crítica, “a crise actual e o papel revalorizado da iniciativa pública podería ser unha boa oportunidade para reorientar a economía cara a sendas máis sustentables e socialmente desexables”. Para iso, o gasto público debería dirixirse a atender necesidades sociais proritarias -e non a autovías, portos exteriores imposíbeis para descargar combustíbeis fósiles, AVEs elitistas, compra de automóbeis ou cidades da cultura- e mais a impulsar a transición cara a unha economía sustentábel que implicaría nos países ricos, entre eles a “atrasada” Galiza, unha redución no uso de enerxía e de materiais.

Xosé Veiras

Something to say?