A Confederação Portuguesa de Associações de Defesa do Ambiente (CPADA) pouco ten, malia o seu nome, de confederación. As asociacións locais apostaron pouco pola CPADA e a única organización nacional con implantación na maior parte do territorio, actividade destacable en múltiples ámbitos e forte proxección pública é Quercus, que non fai parte da CPADA. Nos últimos tempos a CPADA reduciu a súa actividade pública á organización de encontros anuais –a algúns dos cais asistiron como convidados representantes da Federación Ecoloxista Galega (FEG)- e  mais á entrega dos Premios Nacionais do Ambiente “Fernando Pereira”, chamados así en homenaxe ao fotógrafo portugués morto no navío “Rainbow Warrior” de Greenpeace, cando este se afundiu  logo dunha sabotaxe organizada polos servizos secretos francesos. Un dos premios da edición deste ano recaeu en José Carlos Marques, como impulsor de Edições Sempre-em-Pé, unha pequena editora da rexión do Porto que ten publicado varios libros sobre ambiente e ecoloxismo, entre eles o clásico “Pensar como uma Montanha”, de Aldo Leopold. Marques, que colabora no último número de Cos Pés na Terra co artigo “Crise mundial e resposta ecológica”, é un dos activistas ecoloxistas máis veteranos do país irmán. Unha das mencións honrosas do Premio de 2009 foi para GAIA (Grupo de Acção e Intervenção Ambiental), unha organización de activistas creada en 1996 encadrábel no ecoloxismo social. Unha corrente con pouca forza hoxe no asociacionismo portugués, a diferenza do que acontece no español. Non foi así nos anos setenta, despois da “Revolução dos Cravos” (25 de Abril de 1974).  Polo menos iso é o que parece cando se len libros como “Ecologia e Luta de Classes em Portugal” ou os “Cadernos de Ecologia e Sociedade”.

Something to say?