A meteoroloxía estanos a salvar este ano, como xa fixo nos dous anteriores, dun novo desastre incendiario. Mais habemos vivir outro ano malo en canto as condicións metereolóxicas sexan propicias. Como pon de manifesto o Incendiómetro 2009 de WWF/Adena, baseado en 21 indicadores, a nosa vulnerabilidade face aos lumes forestais segue sendo moi alta en comparación con outras comunidades autónomas. Reducirmos significativamente a vulnerabilidade aos lumes a longo prazo require de mellores e maiores investimentos no monte e no medio rural en xeral, investimentos que, en moi grande medida, deben saír dos orzamentos públicos. Ademais, é preciso asumir que a mitigación e a adaptación ao cambio climático é un elemento fundamental da loita contra os incendios.

O Incendiómetro é unha ferramenta moi interesante para analisarmos a situación dos lumes forestais no Estado español. Porén, no tocante a Galiza, presenta algunhas deficiencias. O indicador de risco asociado á estrutura e á xestión territorial (porcentaxe de superficie forestal con plan de xestión) non semella actualizado, pois o seu valor, 9,8, non mudou nada desde 2007. O indicador de risco asociado ao déficit de investimentos públicos no territorio forestal (euros investidos por hectárea forestal) tampouco parece actualizado, xa que o seu valor é  23,43, idéntico ao do incendiómetro de 2008. Por outra banda, non me parece que o número de casas afectadas por incendios sexa un bo dato para avaliar o risco por presenza de interface urbano-forestal, tan frecuente en Galiza, a pesar do cal temos o mellor valor para este indicador de toda España. Finalmente, é un pouco chocante ver que a análise da resposta da Administración autonómica non foi actualizada e que aínda se atribúen as competencias en materia de incendios á Consellería de Medio Ambiente.

 

 

2 Responses to “Incendiómetro 2009”

Como estás canso de saber, eiquí contamos co Índice de risco DIARIO de incendio forestal.

Dende logo non é obxecto de análise por parte dos “expertos” de WWF/Adena, pero dende logo, resulta moito máis interesante para o noso país de cara a dedicarlle un post. E con esto refírome a un comentario con un mínimo de rigor e que aporte algo.

A natureza e os obxectivos do Índice de risco diario de incendio forestal (http://mediorural.xunta.es/nc/areas/forestal/incendios_forestais/irdi/)e do Incendiómetro son diferentes. Os dous son interesantes para o que son.

Non sei porque o comentario anterior descualifica este traballo de WWF/Adena, nin porque se considera o seu autor ou autora con autoridade para designar expertos en materia de incendios. Non me parece mal que sexa anónimo, pero estaría ben que tivese achegado algún argumento.

Something to say?