O  VII Congreso Galego de Ornitoloxía (Monforte, setembro 2008), organizado pola Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO), centrouse na importancia do medio agrario para a conservación das aves. Como se sinala nas conclusións do congreso, “as campiñas atlánticas do sudoeste de Europa son ecosistemas de especial interese ornitolóxico”. As principais ameazas para estes ecosistemas en Galiza son “o abandono e reforestación dos sistemas agrogandeiros marxinais” e “a intensificación dos máis produtivos”.

Da leitura dos resumos dos relatorios do congreso despréndese que as medidas agroambientais e de condicionalidade da produtivista Política Agraria Común (PAC) coas Directivas europeas (en particular, as de Aves e Hábitats) poden reverter, de forma parcial, a deterioración dos hábitats agrarios europeos, aínda que a súa efectividade está por avaliar adecuadamente. Tampouco temos información suficiente sobre o estado de conservación no noso país de especies comúns asociadas ao medio agrario, pois o Programa SACRE non permite polo agora obter resultados concluíntes, aínda que é fácil supor que serían máis ben desfavorábeis. O que si está claro é que, máis alá de medidas correctoras e de seguimento ambiental, o que cómpre é outro  modelo agrogandeiro. Para iso é preciso mudar a PAC que, en palabras de Konstantin Kreiser, de BirdLife International, “continúa a ser unha das ameazas principais para a natureza en Europa”.

Something to say?