Daniel Pauly é un prestixioso biólogo pesqueiro, líder do proxecto “Sea around us”. Un científico comprometido e independente que fala claro, un referente para os  ecoloxistas que traballan sobre temas pesqueiros, coma o noso compañeiro de consello de redacción Raúl García. Nunha entrevista para “El Pais Semanal”, ademais de falar da súa traxectoria persoal -marcada por unha “infancia dickensiana”-  déixanos algunhas verdades coma puños: que non podemos usar toda a tecnoloxía que temos para pescar, que a “patoloxía da enerxía barata” fai posíbel pescar como pescamos “mais non vai durar”, que o Estado español, por practicar a sobrepesca e consumir moito peixe, se comporta como un pirata dos mares do planeta (non o único, evidentemente), que manter a situación actual só leva a máis destrución ambiental e de emprego, etc.

Pauly salienta tres medidas para afrontar a crise pesqueira: eliminar as subvencións á pesca industrial, crear áreas protexidas e atender máis ás recomendacións científicas e menos ás presións da industria pesqueira.

 Hai unha tendencia a atribuír os problemas da pesca galega unicamente, ou sobre todo, a decisións políticas discriminatorias, ollando para outro lado perante a pesca excesiva e o sobreconsumo de peixe nos países enriquecidos, problemas aos que Galiza contribúe. Os límites ambientais están aí aínda que non queiramos velos e na pesca, como no resto da economía, son determinantes. De pouco nos vai servir ignoralos e acreditarmos na ilusión de que todo se arranxaría se Galiza tivese máis peso político (para loitar ferozmente con outras potencias por pescar os últimos peixes?). Se se intepreta a realidade en chave exclusivamente nacionalista (galega ou española, tanto ten neste caso), ignorando as causas ambientais da crise pesqueira (parte da crise socio-ecolóxica global que non queremos percibir), non sorprende que, como fai o semanario A Nosa Terra, se descualiquen sumariamente as declaracións de Pauly insinuando que se inscriben nunha suposta campaña contra a pesca española alentada desde Canadá. 

A sobrepesca non só acaba cos peixes de interese comercial senón que tamén destrúe os ecosistemas mariños. Levamos medio século de sobrepesca de ecosistema, o que representou un ataque descomunal á biodiversidade, do que somos pouco conscientes porque ten lugar lonxe dos nosos ollos. Pensemos, por exemplo, que o arrastre equivale, usando as palabras da oceanógrafa Sylvia Earle, a cazar esquíos con excavadoras.

Xosé Veiras

Something to say?