Hai xa uns cantos anos, asistín a unha conferencia de Alfonso Sanz, co-autor do imprescindíbel “Hacia la reconversión ecológica del transporte en España”, na que se amosou pesimista sobre as tendencias futuras do transporte, agás no que se refería ao transporte urbano. Daquela agardaba que, como resultado da aplicación da normativa da UE sobre calidade do aire, as cousas mellorasen sustancialmente nas cidades, ao se ter que restrinxir o tráfico de coches. Tería sido así se se aplicase con rigor a lexislación e se se  mantivesen os valores límite para a concentración no aire de partículas en suspensión inferiores a 10 micras (PM10) que se fixaron inicialmente para o ano 2010, case tan esixentes como os recomendados pola Organización Mundial da Saúde (OMS) e moito máis ambiciosos que os vixentes.

O tempo está a darlle a razón ao pesimismo de Sanz, mais non así ao seu optimismo. En moitas cidades incúmprese a normativa sobre a calidade do aire sen que pase nada e, ademais, as institucións europeas e os gobernos dos estados membros puxéronse de acordo para rebaixaren a ambición da lexislación, eliminando os valores de PM10 –o contaminante máis preocupante- que ían entrar en vigor en 2010. Fixéronno sen maiores problemas, sabendo da fascinación inmensa que sente o cidadán medio por calquera cousa con motor e con neumáticos.

No noso país, os valores de PM10 só se comezaron a medir no conxunto das principais cidades a partir de 2007. Hoxe sabemos que en todas elas –agás en Pontevedra, con datos insuficientes, e en Santiago, con estacións de medición “estratexicamente” situadas- se incumpren os valores límite recomendados pola OMS. Isto significa que os habitantes das cidades respiramos aire nocivo para a nosa saúde. Os estudos sinalan que a contaminación do tráfico provoca moitas máis mortes prematuras (de entre varios meses e dous anos) que os accidentes, por non falarmos de moitos outros prexuízos. Un problema sen importancia, se temos en conta os múltiples beneficios do automóbil e o imprescindíbel que é, non si?.

Xosé Veiras

Something to say?