A Axencia Europea de Medio Ambiente foi creada para avaliar o estado do ambiente e a incidencia sobre el das políticas públicas. Aínda que está ligada aos 32 estados membros que a constitúen, procura a independencia e o rigor nos seus informes, o que a obriga a dicir non poucas verdades incómodas. Algunhas persoas mesmo a ven case como unha organización de defensa ambiental: bromeando coas súas siglas en inglés, EEA (European Environment Agency), dise ás veces que a EEA parece máis ben o EEB (European Environmental Bureau), a federación europea de organizacións ecoloxistas. O certo é que hai uns anos o EEB recoñeceu publicamente cun premio o labor da EEA, na altura en que era dirixida polo español Domingo Jiménez Beltrán.

A actual directora da EEA, Jacqueline McGlade, concedeu unha entrevista ao xornal portugués “Público”, recollida no Ecoblogue. Na entrevista alerta da débeda ecolóxica ou “recesión ambiental” de Europa,  chama a atención sobre os impactos do transporte e da agricultura, denuncia a inconsistencia do obxectivo europeo de uso de agrocombustíbeis e anuncia novas liñas de traballo para a EEA a respecto dos riscos para a saúde da telefonía móbil e as liñas de alta tensión.

Something to say?