Socialismo ou barbarie, dixo Rosa Luxemburgo no inicio do século XX, século marcado pola barbarie. A xuízo de Jorge Riechmann, hoxe habería que dicir ecosocialismo ou barbarie, “mais a barbarie do século XXI pode ser aínda moito peor que a do século XX,…”. Para facer realidade unha sociedade ecosocialista é necesaria unha banca pública forte, ao servizo da reorientación da economía cara á sustentabilidade. Por iso, Riechmann, profesor da Universidade de Barcelona e investigador do ISTAS, subtitula así a súa conferencia “Ecosocialismo o barbarie”: “necesitamos unha banca pública forte, é é o momento para loitarmos por ela”.

Jorge Riechmann di que “non podemos falar de sustentabilidade sen falar de capitalismo”. Un dos catro principios básicos da sustentabilidade, xunto coa biomímese, a ecoeficiencia e a precaución, é a autocontención (ou suficiencia). E o capitalismo, pola súa propia natureza, contradí este principio político-moral, pois capitalismo é sinónimo de expansión sen límites.

E de capitalismo, barbarie e crise(s) trata o último libro de Carlos Taibo, “En defensa del decrecimiento”, no que identifica dous horizontes ben diferentes, o achegado polo proxecto do decrecemento e outro no que gañaría espazo “un darwinismo social militarizado”.  En definitiva, “ecosocialismo ou barbarie, non hai terceira vía”, como sinala o lema da web “Climate and Capitalism”.

Something to say?