la-nueva-economia-agua.jpgFederico Aguilera Klink, catedrático de economía aplicada da Universidade canaria de La Laguna, Premio de Economía e Medio Ambiente en 2004, vén de publicar o libro “La nueva economía del agua”. Nunha entrevista para o número 103 da revista “Papeles de relaciones ecosociales y cambio global” fala da nova cultura da auga,  da que salienta tres aspectos que a diferencian da vella cultura da auga: a idea de que a escaseza de auga está socialmente construída, non é só física; a tomada de decisións é realmente democrática, baseada no debate público e na participación social (democracia deliberativa); os ríos son ecosistemas vivos e non tubos que levan auga que hai que reter en encoros para que non se perda no mar.

Federico Aguilera -que ten investigado sobre a relación entre a deterioración da democracia e a do medio ambiente, a partir do caso canario- fai unha precisión moi interesante sobre a lexitimidade democrática dos cargos públicos. Esta non se obtén só nunhas eleccións, senón tamén polo xeito de adoptar as decisións. “Os políticos que toman decisións arbitrarias, é dicir, sen contar coa xente, sen argumentar e razoar adecuadamente, sen se someteren a debates públicos nos que expliquen qué problemas queren resolver e cómo e sen aceptar que pode haber outras formas de formular e diagnosticar problemas e oferecer solucións, carecen da lexitimidade democrática de comportamento”.

Something to say?