A última sesión do Foro permanente da Sustentabilidade do Observatorio da Sustentabilidade en España (OSE) tivo como tema o transporte e o  futuro do automóbil e o coche eléctrico. Participaron no painel Ángel Aparicio, director xeral do Cedex; Ángel Aghili, presidente e fundador de AVELE; Francisco Segura, coordenador da Área de Transportes de Ecologistas en Acción; Manel Ferri, responsábel do Centro de Referencias de Mobilidade ao Traballo da Fundación ISTAS de Cataluña; Manuel Luna, xerente de Regulamentación e Homologación de Ford España e Julio Lumbreras, profesor da Universidade Politécnica de Madrid.

A continuación, reproducimos integramente as súas conclusións, tal e como foron presentadas polo OSE, en cuxa web podemos ver o vídeo desta interesante sesión do Foro Permanente da Sustentabilidade (e tamén os de sesións anteriores).


-O transporte, incluíndo o de mercadorías e o tráfego de pasaxeiros, entendido este como mobilidade, representa o maior desafío actual e futuro para unha maior sustentabilidade enerxética e de mitigación da Mudanza Climática.

-As maiores dificuldades para mellorar a eficiencia enerxética e en xeral para reducir as importacións de cru e as emisións de gases de efecto invernadoiro, veñen e virán do sector transporte, xa que á dificuldade de diminuír a súa factura enerxética únense as limitacións para substituír os carburantes, gasóleos e gasolinas,  por biocarburantes, hidróxeno no seu día, tracción eléctrica…  ou en xeral, recorrer ás enerxías de fontes renovábeis. 

-As respostas e innovacións tecnolóxicas non serán suficientes se non se consegue racionalizar e xestionar a demanda crecente sobre todo do transporte e tráfego rodado, que seguen en xeral moi acoplados ao desenvolvemento económico, medrando incluso máis que este e que só se moderan en tempos de crise.

-A insustentabilidade do transporte é tamén un fallo do mercado. Os seus prezos finais, sobre todo dos carburantes e en xeral do transporte e tráfego rodado  non refliten en absoluto (factor entre 2 e 3) as chamadas externalidades ambientais e sociais. O custo político dun incremento acorde da fiscalidade considérase demasiado elevado.

- Se conseguimos  progresar na sustentabilidade do transporte terase dado un paso enorme non só na prevención da Mudanza Climática senón en xeral na mellora da calidade do aire e prevención da  contaminación, sen esquecermos a factura enerxética e económica, medida polas súas externalidades que superan o 8% do PIB na UE.

 -Os desenvolvementos das últimas décadas en materia de ordenamento territorial, con crecemento imparábel da poboación urbana,  e sobre todo de desenvolvemento urbano seguindo modelos expansivos de baixa densidade, dificultan enormemente o transporte público. A resposta pasa por unha recondución dos procesos urbanísticos e “facer máis cidade”, compacta, diversa e multifuncional, con maior accesibilidade e posibilidades para o transporte público.

 -As chaves  para unha nova cultura do transporte e a mobilidade, -para a súa maior sustentabilidade, hoxe urxente tanto polas esixencias enerxéticas como pola calidade do aire e a mitigación das alteracións climáticas- son a racionalización da demanda e a optimización da oferta de transporte. Polo de agora, priman modelos de oferta sobre os dirixidos pola demanda (“Se non che gusta xa che gustará…)

 -A maior racionalidade e xestión da demanda, en particular en materia de mobilidade, esixe atender á eficacia da mesma, coa introducción de criterios de maior accesibilidade aos servizos e destinos (educación, traballo, comercio, lecer…)  base para unha maior calidade de vida (hoxe a unha maior mobilidade adoita corresponderlle unha menor accesibilidade) e para unha maioría dos cidadáns, tanto no medio urbano como no rural, e también á súa eficiencia en termos de menor consumo enerxético e impacto ambiental.

 -A optimización da oferta de transporte implica a intermodalidade dos distintos medios priorizando o transporte colectivo e público (non hai que esquecer que un 50% da poboación non conduce).

 -A automoción, e en particular o uso do automóbil, segue sendo un logro importante pola súa versatilidade e é parte do que se concibe como “liberdade individual” para a mobilidade,  só que o  seu desenvolvemento, a súa hexemonía e uso case compulsivo  superou as propias capacidades de acollida do sistema con impactos e custos significativos para a sociedade e limitando mesmo o uso propio  do automóbil nas súas funcións insubstituíbeis. O automóbil ocupa xa arredor do 70% do espazo urbano e o seu uso e a mobilidade son case un obxectivo en si mesmo máis que un medio de transporte.

 -Pódese dicir sí ao coche, a cuestión é en qué contexto e a qué coche.

 -O axeitado marco normativo é chave. Para cando unha Lei de Mobilidade, de Xeralización do Transporte Público, de Financiamento Estábel do Transporte Público (o mesmo que para Sanidade), Planos de Accesibilidade/Mobilidade Locais…?

 -A necesaria evolución do peso, funcionalidade e tecnoloxías do automóbil cara a optimizar  a súa eficacia (accesibilidade e mobilidade) e eficiencia (menor consumo de enerxía e menores emisións contaminantes no seu ciclo de vida e no  seu uso) creou grandes expectativas para o coche eléctrico.

 -O vehículo eléctrico ten unha vantaxe canto á eficiencia face a aqueles baseados en motores de combustión interna. A eficiencia dun motor de combustión sitúase arredor do 20%, fronte ao 80/90% do motor eléctrico, aínda que hai que facer unha análise máis ampla que teña en conta o ciclo de vida de ambas as opcións e o impacto da integración da segunda opción no sector eléctrico.

 -Hai en desenvolvemento distintos tipos de vehículos que entran dentro dos chamados “coches eléctricos”, desde os denominados híbridos, que predominan con motores eléctricos e de combustión e que poden ser híbridos completos, asistidos, regulares, enchufábeis…, até os eléctricos puros.

 -Hai que analisar a implantación do vehículo eléctrico desde unha perspectiva integral o que esixe considerar o vehículo en si  (autonomía, recarga de baterías, custo…consumos enerxéticos no seu ciclo de vida…), a súa interacción e viabilidade nun modelo enerxético e económico máis sustentábel e a súa función chave para consolidar un modelo de mobilidade e accesibilidade máis sustentábel.

 -Segue habendo cuestións abertas nestas formulacións integrais e integradoras, desde as dúbidas sobre o propio impacto do coche eléctrico nas emisións contaminantes globais (si que está claro o seu impacto ambiental local positivo), na sustentabilidade global e na propia modulación da demanda de enerxía en xeral e eléctrica en particular, se non é parte dunha nova cultura e modelo de mobilidade e accesibilidade que implica mudanzas non só nos modelos territoriais e urbanos senón tamén culturais.

 -No que atinxe á súa propia viabilidade técnica e económica semella, polo momento, que os máis viábeis a medio prazo  serían os híbridos enchufábeis. O eléctrico puro esixiría carregadores eléctricos rápidos para limitar o lastro económico e ambiental de grandes baterías, considerándose o seu custo agora  moito máis elevado (¿dúas veces?) que o híbrido enchufábel; o seu horizonte sería o longo prazo.

 -A viabilidade e custos de infraestruturas ou redes de distribución eléctrica para unha expansión do coche eléctrico significativa son factores limitantes. A demanda eléctrica para aprovisionar un millón de vehículos eléctricos puros (3 Twh.  se facían 20.000 Km./ano e consumo de 0,15 Kwh./Km.) suporía en España un incremento de máis de un 1% do consumo e redeseñar a rede, aínda que cunha redución enorme en importacións de petróleo, en emisións de gases de invernadoiro (5%) e en contaminación urbana.

 -A xeralización das enerxías de fontes renovábeis, con sistemas de produción distribuída e unha rede máis extensa e intelixente (bidireccional …) de conexión facilitaría a penetración do coche eléctrico que podería configurarse como parte do sistema, como xerador e consumidor de enerxía eléctrica.

 -Tampouco hai que esquecer aspectos culturais ou de hábitos que xeraron nos usuarios os automóbeis actuais canto a prestacións non só en potencia senón en servizos de climatización … as facilidades de repostar… que poderían limitar o éxito dos coches eléctricos se non se manteñen e que ao facelo poderían cuestionar a súa viabilidade e interese.

 -Unha vez máis a maior sustentabilidade implica fundamentalmente unha mudanza cultural. O coche eléctrico só parece un paso adiante dentro dunha nova cultura da mobilidade e accesibilidade,  enerxética….

-O sector do automóbil parece inclinarse a curto prazo polos motores de combustión con biocarburantes e en todo caso  polos híbridos asistidos con motores eléctricos, que parecen máis acordes coas súas tecnoloxías e enormes capacidades actuais de produción de vehículos con motores  de combustión.

 

Something to say?