Quizais cumpriría dicir este Nadal é imposíbel: imposíbel polo seu exacerbado consumismo, imposíbel polo seu desbaldimento enerxético, imposíbel pola inxustiza intrínseca na que o 20% da humanidade, entre os que estamos as galegas, consumamos o 80% dos recursos, imposíbel pola súa xeración de residuos tendo en conta que tan só o 1% de todo o que mercamos habitualmente, permanece nas nosas casas pasados 6 meses. Si, este Nadal é imposíbel, insustentábel e inxusto.

Mais temos nas nosas mans a ferramenta para mudalo: un consumo responsábel co resto da humanidade e coas vindeiras xeracións que terán que soportar o planeta no estado en que llo deixemos. Un consumo consciente das consecuencias de cada acto de consumo, consciente da procedencia, os materiais e as condicións laborais nas que está feito un produto, un consumo crítico ao respecto do conxunto deste sistema que nos muda de persoas a consumidoras. En resumo, un consumo que aposte pola redución do consumo, a reutilización dos obxectos en desuso a través de iniciativas de troco, que consuma produtos ecolóxicos, producidos o máis preto posíbel, sobre o que o produtor ou produtora recibiu un pago xusto, que sexa duradeiro, realizado en materias reciclados ou reciclábeis, co menor consumo enerxético posíbel, a menor embalaxe e, o máis importante, que nos sexa verdadeiramente necesario.

Something to say?