A revista Ecología Política, referencia básica para o ecoloxismo social, iniciou a finais do ano pasado unha nova fase logo de 15 anos de andaina. Ao mesmo tempo que se renovou a revista impresa, creouse unha nova web onde é posíbel descargarmos o material de números atrasados.  O penúltimo número, o 32 (febreiro 2007),  tivo como tema prioritario a  crise global da pesca.

                                                                                                                                                                     

portadapetit32.jpg Na introdución exponse brevemente o contido do número, no que é posíbel acharmos varias referencias concretas a Galiza. Pescanova en América Latina trata dos impactos negativos da actividade da multinacional galega en diversos países latinoamericanos. En Pesca ilegal en las aguas subantárticas, a organización chilena Ecoceanos denuncia a mafia galega involucrada na pesca ilegal en augas subantárticas. O seu membro máis notable, o armador Vidal é protagonista nun dos libros reseñados Hooked. Pirates poaching and the perfect fish.  

Ecoceanos intervén no interesantísimo documental Ovas de oro , no que se fala do impacto ambiental e social da pesca industrial e da acuicultura no sur de Chile. Empresas do “Primeiro Mundo” extraen peixe e crían salmón á custa da pesca artesanal,  superando os límites ambientais e abusando dos traballadores e traballadoras locais, coa finalidade de exportaren produtos pesqueiros que alimenten o sobreconsumo do mundo enriquecido (Chile, malia ser un dos principais produtores de peixe, ten uns niveis de consumo de peixe por habitante baixísimos e presenta problemas de seguridade alimentaria). O documental céntrase no capital noruegués, que detén o 60% do negocio chileno da acuicultura, e que semella actuar coa mesma falta de escrúpulos e sensibilidade que  Pescachile, de Pescanova. Se a empresa galega amosa pouca sensibilidade social e ambiental no país no que ten a súa sede, resulta fácil imaxinar o que non fará en países onde ten máis marxe de manobra para facer o que máis lle conveña. 

En “Ovas de oro” vese como un dos principais xornais de Noruega denunciou con destaque as penosas condicións nas que operaba en Chile unha empresa norueguesa. Non sei de ningún medio convencional galego ou español con grande audiencia que fixese algo semellante. Aquí, as noticias sobre a irresponsabilidade socioambiental de empresas galegas ou españolas que actúan en países empobrecidos hai que buscalas con lupa (tampouco é que abunden as referidas ao propio país, máis a proximidade e a presión social nótanse nalgúns casos). Aínda que, se lemos a letra pequena, podemos chegar a saber algunha cousa, como que a empresa galega Calvo está esquilmando os bancos saharianos sen axudar ao mantemento dos campamentos de refuxiados, segundo declarou nunha entrevista Maima Mahamud, Secretaria de Estado de Asuntos Sociais e Promoción da Muller do Sáhara (El Pais, 12 maio 2007). 

Xosé Veiras

Something to say?