O Plano de infraestruturas de transporte para a área de Vigo, Vigo Integra, está a suscitar un certo rexeitamento social, que seguramente irá a máis a medida que máis e máis afectados e afectadas se decaten de como empeorará as súas vidas. Un Plano desmesurado  froito do culto ao asfalto e do ecoloxismo hipócrita, pois chega a usar unha linguaxe sustentabilista.

Unha manifestación contra o Plano Vigo Integra convocada por 30 colectivos reuniu en Vigo a un milleiro de persoas o pasado domingo. O lema da manifestación foi “O asfalto non é progreso”. Un éxito en si mesma para a loita pola sustentabilidade. Porque non se convocou para se opor a esta ou aquela estrada, para dicir si pero por aquí non, senón para presentar unha “emenda á totalidade” a un Plano que obedece a unha concepción de progreso profundamente insustentábel. E tamén porque as organizacións convocantes da manifestación fundamentaron a súa oposición ao Plano non só na defensa da sustentabilidade local, senón tamén da sustentabilidade global, facendo ver como a execución do plano suporía un aumento do consumo de petróleo ou das emisións causantes da mudanza climática, ao inducir máis tráfico.

Nun interesante vídeo, realizado con medios moi modestos mais usando poderosos argumentos, a Ría non se vende, presenta as razóns da súa oposición ao Plano Vigo Integra e as súas propostas alternativas.

Something to say?