Ben Magec-Ecologistas en Acción organizou un referendo simbólico en Tenerife para que a xente puidese escoller entre investir nun porto innecesario e altamente impactante como o de Granadilla ou na mellora da educación e a sanidade. En Canarias xerouse unha forte oposición social ao porto de Granadillas. Infelizmente, por aquí case ninguén cuestionou os portos exteriores da Coruña e de Ferrol, malia os seus elevados custos ambientais e económicos. Dous portos situados a escasa distancia entre si que se destinan, en grande medida, á descarga de carbón de importación para alimentar as contaminantes e ineficientes centrais térmicas das Pontes e de Meirama. En 2006, o movemento de carbón atinxiu 1,5 millóns de toneladas na Coruña e 3,2 millóns en Ferrol. Desde este ano, as centrais das Pontes e de Meirama só queimarán carbón de importación, co que estas cifras previsiblemente aumentarán.
 

Mesmo desde unha ideoloxía de dereitas, e cunha perspectiva puramente economicista, se están a cuestionar en Portugal investimentos en grandes infraestruturas de transporte, tanto por parte do PSD, o principal partido da oposición, como dalgúns economistas. É o caso de Eduardo Catroga, economista e ex-ministro de Finanzas quen, por exemplo, nun artigo de opinión publicado no semanario Expresso, “A crise financeira e as prioridades estratégicas”, lembra que “Portugal já é campeão em auto-estradas na Europa e nos países da OCDE”, considerando PIB, poboación ou superficie, polo que acha que os investimentos en novas autoestradas son un esaxero. O mesmo acontece no Estado español. En 2004, había 254 km de autoestradas/ millón habitantes en España (en 2006 xa eran 317!), e 200 en Portugal, face á media de 145 da UE-15.

Something to say?