Vai facer un ano da vaga de lumes que na primeira quincena de agosto arrasou case 80.000 hectáreas. No 30 de agosto pasado, Verdegaia presentou o informe “Unha catástrofe incendiaria sen aclarar” , destacando algúns feitos e pedindo algunhas explicacións. Hoxe as cousas están máis claras. Grazas ás 129 páxinas do informe presentado hai pouco pola Fiscalía e a Garda Civil. Un informe que deita abaixo as teses da Xunta e de quen as seguiron acriticamente. Suave nas formas pero contundente na argumentación. Sen contestación por parte da Consellería do Medio Rural.


Por que non respondeu a Consellería do Medio Rural ao informe feito público pola Fiscalía? Porque se basea en feitos e non en elucubracións sen fundamento, porque non ten argumentos, porque lle convén que se fale pouco do informe. Porque debe estar agradecida por o informe se ter divulgado despois das pasadas eleccións.

En realidade, o informe presentado pola Fiscalía de incendios non di nada novo importante sobre o problema dos incendios no noso país que non se soubese antes da vaga, agás que a porcentaxe de incendios intencionados pode ser ben menor do que se estimou até agora. O interese principal do informe reside en que torna públicos resultados do esforzo de investigación dos incendios realizado polas forzas de seguridade e as brigadas de investigación forestal da Consellería do Medio Rural no ano pasado, esforzo superior ao desenvolvido en calquera outro ano. E en que recolle datos oficiais de anos anteriores, que a Xunta se coidou ben de non divulgar, e que permiten situar a vaga do ano pasado en comparación con outras e apuntar solucións reais a un problema crónico.

Outravolta a leria das tramas

É de resaltar que hoxe teñamos unha Fiscalía en Galiza cun mínimo de independencia do poder político. Non acontecía o mesmo cando gobernaba o PP e era García Malvar o fiscal do Tribunal Superior de Xustiza. Sen ter ningunha razón para iso, só para tentar dar credibilidade a infundios lanzados desde a Xunta de Fraga, non se privou de afirmar publicamente que “quienes están detrás del fuego son bandas organizadas”, dirixindo a ollada cara a oposición política e social daquela. Greenpeace compilou durante a vaga do ano pasado un interesante dossier de prensa na que se poden ler titulares como este, de setembro do 2000: “Medio ambiente señala al BNG y a la CIG como beneficiarios del fuego”.

imagen-de-los-incendios-que-ha-3.jpg

Tampouco tiña ningunha razón especial o ministro do Interior, Alfredo Rubalcaba, para dicir na súa visita a Galiza durante a vaga que non desbotaba que houbese grupos organizados prendendo lume. As súas declaracións si que tiñan unha “direccionalidade” evidente e desde logo non foron inspiradas por ningún indicio comunicado neses días polas forzas policiais, indicio que nunca existiu. Postos a non desbotar nada, poderíanse non ter desbotado moitas outras cousas. Talvez Rubalcaba tivese falado co subdelegado do Goberno central en Lugo, Jesús Otero, quen uns días antes dixera que tiña moi claro que había unha “trama organizada” atrás de moitos lumes. Ou co delegado da Consellería do Medio Rural en Lugo e portavoz parlamentario de agricultura e montes do BNG durante moitos anos, Emilio López, quen advertiu da existencia de “formas organizadas”.

No informe de Verdegaia citado máis arriba amosábase que falar de “terrorismo incendiario”, de “tramas organizadas”,…. non foi unha novidade do ano pasado e que con iso non se pretendía outra cousa que desviar a atención das responsabilidades reais e de paso atacar, de forma máis ou menos velada ou explícita, ao opoñente. Tamén o dixo claramente a organización ambientalista que, desde hai máis anos e con maior continuidade, profundidade e independencia segue o tema dos incendios en Galiza, a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), a través da súa delegación en Ourense. Respondendo a unha pregunta que lle foi formulada na comisión de investigación (é un dicir) sobre os incendios do Parlamento creada após a vaga, a respecto de se houbo algo novo na crise incendiaria do 2006 a respecto doutras crises habidas no pasado, o representante da SGHN contestou o seguinte:

“Si hai, unha notable diferenza política por canto os partidos no goberno asumiron a “teoría da conspiración” coa que o PP xustificaba o seu fracaso na loita contra os incendios forestais cando mandaba na Xunta e, pola súa banda, o PP, para cuestionar a política contra o lume dos gobernantes, asumiu as formulacións do BNG e do PSOE. cando estaban na oposición; así que, como ninguén se retractou polo pasado, o BNG, PSOE e PP comparten individualmente (e logo xuntos os tres) ó mesmo tempo, que hai e que non hai conspiración; que hai e que non hai imprevisión, desorganización, caos, desastre, etc. segundo estean no goberno ou na oposición. Toda una lección de oportunismo que desmoraliza e confunde aos cidadáns”.

Poderíamos engadir que o que vale para os partidos vale tamén para as organizacións sociais que xiran á súa volta, para o tecido social partidarizado.

Nin “direccionalidade”, nin “nova tipoloxía de incendios”,…

A Fiscalía deixa en evidencia o “Informe sobre a vaga de incendios forestais de agosto de 2006” da Consellería do Medio Rural, presentado polo conselleiro Alfredo Suárez Canal o 1 de setembro no Parlamento, sobre o que Verdegaia fixo públicos uns comentarios no seu día. Informe que só pretendía xustificar, facendo malabarismos, as teses esgrimidas ao longo do mes pola Consellería, traducidas polo BNG a unha linguaxe directa, sen eufemismos, no seu boletín “BNG informa”: “Galiza enfréntase a un lume criminal, terrorista, planificado”. Disque para atacar o cambio na política de montes e incendios, cambio que antes da vaga era case imperceptíbel.

incendio_pedroso.jpg

Alén de non existir o menor indicio da existencia de tramas, non se constatou a tan falada “direccionalidade” para amedrentar á sociedade, tampouco nos lumes dos arredores de Santiago, Labacolla ou a AP 9. En anos recentes, houbo “períodos punta” con tantos ou máis incendios que os 1.911 do 4-15 agosto de 2006 (por exemplo, 2.493 entre o 23 de agosto e o 3 de setembro de 2003), desencadeados por condicións ambientais favorábeis e polo efecto contaxio. Un ano máis, non houbo unha repercusión significativa de motivacións políticas, urbanísticas ou relacionadas coa venda de madeira nos incendios. A “sensación de intencionalidade” durante a vaga foi maior da real, debido en boa medida a que os grandes incendios emitían partículas en ignición a longa distancia que daban lugar a novos focos, e a que foron frecuentes as reproducións de lumes dados por controlados.

Que pasou logo? Por que as consecuencias desta vaga foron tan desastrosas en comparación coas anteriores? Semella que, principalmente, por dúas razóns. Porque as condicións ambientais foron máis adversas que noutras vagas. E porque houbo fallos e insuficiencias importantes no dispositivo de extinción, responsabilidade da Xunta e de Concellos. É difícil estimar o peso deste último factor, porque se nos privou á cidadanía dunha investigación rigorosa e independente. Tamén neste caso, PSOE e BNG actuaron como facía o PP. A maioría que apoia ao Goberno autonómico negouse a crear no Parlamento unha comisión de investigación sobre a vaga que merecese tal nome. O Valedor do Pobo nin quixo nin puido investigar, a Fiscalía non entrou no tema de como funcionou o dispositivo de extinción,,… Porén hai datos e indicadores que non deixan dúbidas sobre a importancia deste factor, como o número inusualmente elevado de grandes incendios (superiores a 500 has), ou que se rexistrasen moitos reacendimentos.

Solucións

As solucións non son fáceis, mais pasan desde logo por un enfoque adecuado do problema. E neste senso é importante non esquecer, non ocultar, que a principal causa dos incendios en Galicia, tanto dos intencionados como dos neglixentes, é o uso tradicional do lume no medio rural (para eliminar mato e residuos agrícolas, rexenerar pastos para o gando extensivo, etc). Aí está o núcleo duro do problema, no que se refire ás causas inmediatas. Non se trata de criminalizar ao conxunto da poboación rural, nin de esquecer que se trata dunha poboación claramente discriminada a respecto do conxunto da sociedade, con serios problemas socioeconómicos, mais tampouco de ollar para outro lado, ou de axitar espantallos. Hai que actuar con enerxía sobre esta realidade con medidas diversas e, paralelamente, avanzar na xestión sustentable do monte e no ordenamento do territorio.

Non é políticamente fácil nin cómodo. Até hoxe, ningún Goberno combateu o uso masivo do lume no medio rural. Por exemplo, como se poden autorizar alegremente (agora até por teléfono) cada ano unha media de 300.000 queimas anuais, parte das cais acaban orixinando un número importante de incendios?. Nisto, tampouco se diferencia o bipartito dos Gobernos do PP.

Xosé Veiras

One Response to “Un ano despois da catástrofe incendiaria”

O informe sobre os incendios presentado desde a Fiscalía pódese descargar aquí:
http://www.parlamentodegalicia.es/estaticos/Fiscalia/INFORME_GARDA_CIVIL_INCENDIOS_FORESTAIS_EN_GALICIA_2006/02-LIBRO-INVESTIGACION-PROBLEMATICA-INCENDIARIA-GALICIA-VERA.pdf

Something to say?