Organizacións sociais presentan Manifesto Galego polo Clima
Tuesday, 15 de December do 2009
Por iniciativa da
Alianza Galega polo Clima -constituída hai 3 meses por Amigos da Terra, Greenpeace e Verdegaia- diversas
organizacións sociais e plataformas cidadás galegas asinaron un manifesto baixo o lema "Sustentabilidade e xustiza contra
a crise climática". Coincidindo coa recta final do Cumio do Clima de
Copenhague, estas organizacións demandan a nivel internacional e galego a adopción
de accións efectivas para previr unha mudanza climática catastrófica.
As
organizacións asinantes, conscientes de que a crise climática é moito máis preocupante
que a actual crise económica, súmanse á reivindicación dun "novo acordo
climático vinculante, xusto e ambicioso que comprometa aos países
industrializados a reduciren as súas emisións en polo menos un 40% para 2020
(logrando cando menos as tres cuartas partes desa redución con medidas dentro
do seu territorio) a respecto dos niveis de 1990. Para 2050, as emisións
mundiais deberán reducirse polo menos nun 80%, co que as dos países
industrializados deberán ser próximas a cero".
"Como parte do mundo enriquecido, Galicia
é corresponsable do maior problema socioambiental global". As emisións por
habitante de gases causantes do cambio climático son superiores non só ás
emisións medias mundiais senón mesmo ás da Unión Europea. A principal
responsabilidade de que isto sexa así é de gobernos e empresas, polo que as
organizacións sociais demandan "á Xunta, aos Concellos, ás forzas políticas e
ás empresas que actúen para salvar o clima". Para iso, propoñen as seguintes
medidas:
Aprobar un
Plan Galego de Acción Fronte á Mudanza Climáticaque procure, como mínimo, unha redución do
30% das emisións en 2020 a
respecto de 1990.
Desenvolver un Programa de Aforro e
Eficiencia Enerxética que atinxa en 2020 unha diminución mínima, en termos
absolutos, do 20% do consumo de enerxía a respecto dos niveis de 2005.
Pechar as centrais térmicas de carbón das
Pontes e de Meirama e aprobar un Plan de Enerxías Renovables para que Galicia
cubra o antes posible, e non máis tarde de 2050, o 100% das súas necesidades de
servizos enerxéticos con enerxías renovables.
Establecer unha moratoria na construción
de novas autovías e autoestradas mentres non se aprobe un Plan Director de
Transporte e Infraestruturas sustentable, capaz de lograr unha transferencia
substancial de pasaxeiros e mercadorías cara aos modos menos consumidores de
enerxía: ferrocarril convencional, transporte marítimo, autobús, bicicleta e
marcha a pé.
Promover un ordenamento
do territorio que garanta o seu uso sustentable, preserve e intercomunique as
zonas de valor ecolóxico e reduza a demanda de transporte motorizado.
Desenvolver medidas concretas que aposten
pola soberanía alimentaria, estimulando a produción e o consumo locais de
alimentos de agricultura ecolóxica e labrega.
Pechar a incineradora de SOGAMA e
impulsar unha política de residuos urbanos que priorice a redución e aposte por
un modelo de xestión descentralizado que cree unha rede de plantas comarcais de
reciclaxe e compostaxe.
Recoñecer e asumir a nosa
débeda de carbono e contribuír ao financiamento de accións para a mitigación e
adaptación á mudanza climática nos países empobrecidos.
Previr
os incendios forestais e promover o uso sustentable dos montes mediante a
regulación de usos do solo e a inclusión da silvicultura preventiva nos planos
de xestión dos montes.
O manifesto enviouse ao presidente do Goberno español, ao presidente da Xunta
de Galicia e ao presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias
(FEGAMP).
Asinaron o manifesto: Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Altermundo, Amigos da
Terra, Ecodesarrollo Gaia, Federación Ecoloxista Galega (FEG), Greenpeace,
Iniciativa Pola Soberanía Alimentar dos Pobos, Intermon Oxfam,
Plataforma "Salvar o Tren", Sindicato Nacional de Comisións Obreiras
(CCOO) de Galicia, Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), Verdegaia,
Veterinarios Sen Fronteiras (VSF).