As emisións de CO2 procedentes de combustibles fósiles aumentaron o 24,8% entre 1990 e 2007
Tuesday, 08 de December do 2009
As emisións
de dióxido de carbono (CO2) procedentes de combustibles fósiles
(carbón, petróleo, gas natural) aumentaron en Galicia o 24,8% en 2007 a
respecto de 1990, o ano de referencia para o Protocolo de Quioto. Pola contra,
os Estados desenvolvidos que ratificaron este protocolodiminuíron as emisións un 9,4% por termo
medio durante o mesmo período. As nosas emisións por habitante de CO2
debidas á queima de combustibles fósiles son superiores ás emisións medias da
UE.
Aínda que Galicia forma parte dun
Estado que ratificou o Protocolo de Quioto -o primeiro acordo mundial de loita
contra a mudanza climática,cuxa
substitución ou ampliación se debate no Cumio do Clima que está a decorrer en
Copenhaguen- non só non reduciu as emisións de CO2 asociadas á
produción e ao consumo de enerxía senón que as incrementou de forma importante.
As emisións de CO2 procedentes dos combustibles fósiles representan
aproximadamente o 80% das emisións de gases causantes do cambio climático desde
Galicia e o conxunto dos países enriquecidos. A escala mundial supoñen un 60%
das emisións.
As emisións de CO2procedentes dos combustibles fósiles
aumentaron en todos os sectores entre 1990 e 2007. O maior aumento rexistrouse
no transporte, cuxas emisións se duplicaron, o que evidencia a forte
insustentabilidade do noso modelo territorial e de transporte. Tamén as
industrais enerxéticas (centrais térmicas, refinería de petróleo) aumentaron as
súas emisións durante este período. O forte desenvolvemento da enerxía eólica
impediu que as incrementasen aínda en maior medida.
As emisións galegas por habitante
de CO2 debidas á queima de combustibles fósiles ascenden a 10,2
toneladas (ano 2007). Polo tanto, as emisións do noso país superan as emisións
medias do mundo (4,3) e da UE (7,9) e non digamos xa as de países como India
(1,1), Brasil (1,8) ou Senegal (0,3).As nosas elevadas emisións por habitante explícanse sobre todo polo
consumo excesivo e ineficiente de enerxía e pola presenza de dúas grandes
centrais térmicas de carbón, a de ENDESA nas Pontes e a de GAS NATURAL-UNIÓN
FENOSA en Meirama. O carbón é o combustible fósil máis intensivo en emisións de
CO2..
A Xunta carece dun plan para
reducir as emisións de gases causantes do principal problema socioambiental
global, con obxectivos cuantificados e medidas orzamentadas. O actual goberno
anulou o plan aprobado polo bipartito -que non prevía reducir senón tan só
moderar o crecemento das emisións entre 1990 e 2008-2012- e aínda non presentou
un alternativo. Dado que un 80% das nosas emisións proceden da produción e o
consumo de enerxía, o prioritario é reformular as políticas enerxética e de
transporte co obxectivo de diminuíra
produción eléctrica sucia (nomeadamente a partir de carbón), decrecer o consumo
de enerxía e expandir as enerxías renovables de forma descentralizada e
respectuosa co territorio.
Notas
(1) Os datos sobre as emisións de
Galicia proceden do Ministerio de Medio Ambiente e do Medio Rural e Mariño. Os
relativos a outros países proceden do informe "CO2 emissions from
fuel combustion. Edition 2009", da Axencia Internacional da Enerxía