Cumio do Clima de Copenhague: crónica dun fracaso anunciado?
Friday, 04 de December do 2009
Desde
hai 15 anos os países do mundo reúnense para decidir medidas que paren a
mudanza climática. En poucos deses cumios se logrou dar pasos efectivos cara
aoobxectivo porque, en xeral, aos
gobernos faltoulles a vontade política necesaria. Aínda que se recoñece a
gravidade do problema e se acepta que está causado principalmente polo uso de
combustibles fósiles... reducir ese uso implica profundas mudanzas no sistema
económico vixente e mesmo no estilo de vida dos cidadáns e cidadás dos países
desenvolvidos.
Hai que
se remontar a 1997 para encontrar unha reunión climática con trascendencia
histórica, foi na cidade xaponesa de Quioto, que así deu nome ao primeiro
Protocolo internacional de redución de emisións, con obxectivos concretos aínda
que moi escasos (e aínda menos efectivos) para unhas trinta nacións do daquela
chamado "primeiro mundo". Para sermos fieis á realidade habería que contar que
o Protocolo de Quioto comezou a nacer en decembro do 97, mais non estivo
terminado até 2005! Levou sete anos elaborar un texto legalmente vinculante
cuxos obxectivos de redución hoxe todo o mundo recoñece como totalmente insuficientes
e que debían cumprirse unha década despois, entre 2008 e 2012.
Independentemente
da eficacia ambiental e o grao de cumprimento do vixente Protocolo, é evidente
que non podemos permitirnos reproducir os seus complicados procesos de
negociación, porque dez anos é o prazo que os científicos do clima dan para
deter o aumento das emisións globais de gases de efecto invernadoiro e comezar
unha diminución que as sitúe cara a metade de século ao 50% do que se lanzou á
atmosfera en 1990. Se non o conseguimos é moi probable que o aumento de
temperatura no planeta supere os 2º C eos impactos do cambio climático sexan tremendamente extensos e graves.
Ninguén
dubida da dificuldade de reducir emisións na forte contía necesaria, nin da
complexidade de lograr un acordo mundial... mais atrasalo só o tornará máis
difícil. Se as medidas que cada país tomou para cumprir Quioto, por escasas que
sexan, non teñen continuidade após 2012, os sinais de transformación que
estaban chegando ássociedades,
perderanse e pódese asegurar que as emisións continuarán crecendo sen control.
Precisamos que en 2013 haxa normas para reducir emisións e sexan moito máis
ambiciosas que as actuais.
Os
países industrializados teñen que asumir a súa responsabilidade sobre o CO2
xa acumulado na atmosfera, por iso e pola súa maior capacidade financeira e
tecnolóxica, a súa redución de emisións en 2020 ten que ser do 40% sobre a
situación de 1990. Unha redución que debe realizarse integramente no seu
territorio, a que se obteña de terceiros países ten que se contabilizar aparte.
Os
países recentemente industrializados (China, India, Brasil ...) tamén hanlimitar o crecemento das súas emisións nas
próximas décadas. Aínda que é patente a diferenza en toneladas de CO2e
por habitante cos países sobredesenvolvidos e teñen dereito a aumentar o seu
consumo enerxético, se o fan apoiándose en combustibles fósiles non se poderá
evitar un aumento de temperatura perigoso. Os estados industrializados, que
xeraron o problema, son responsables de achegar financiamento, tecnoloxía e
capacitación social para que atinxan un nível de benestar xusto.
En
áspero contraste cos obxectivos necesarios, o que os países industrializados
puxeron até agora nas numerosas mesas de negociación alcanza como moito a
reducir as súas emisións ao 12% das de 1990 (é dicir, apenas sete puntos máis
que as do vixente e moi escaso Protocolo de Quioto!). A situación é un
lamentable exemplo do que se chama "falta de vontade política". Por non falar
dos avanzos nulos en transferencia de tecnoloxía e recursos ás nacións
empobrecidas.
A finais
de novembro xa se declara sen pudor que "non queda tempo" para lograr un novo
protocolo en Copenhague, e mesmo se fala de adialo un ano enteiro até o
seguinte cumio. Mais non é tempo o que falta, é vontade de enfrontar o problema
das alteracións climáticas. Os EEUU non poden ser unha excusa para aceptar o
bloqueo do proceso porque, aínda que se decidisen a presentar un obxectivo,
seguramente será moi insuficiente (tanto como recuperar o seu vello obxectivo
de Quioto, - 7%, dez anos despois). A Unión Europea ten que liderar o proceso,
demostrar que a crise climática non é menos importante que a crise económica
porque un futuro próximo marcado por secas e enchentes frecuentes é un
escenario que asegura a extensión da pobreza e os conflitos.
Xa se
apuraron demasiado os prazos para elaborar unha nova lei sobre a mudanza
climática, pois unha vez que se decida ten que percorrer os parlamentos de
todos os estados do mundo que a asinen. Por iso non pode esperarse un ano máis.
Os
gobernos talvez, ,mais nós non podemos permitirnos un fracaso en Copenhague.