|
12 de decembro. Día de Acción Global contra o cambio
climático
Mudemos o sistema, non o clima!
Pedalada contra o cambio
climático
Saída as 12:00 dende a Alameda. Compostela
Trae bucina, timbre, chifres . . .e a túa bicicleta
decorada!
Convoca: Rede Galega Anticapitalista
A Rede Galega Anticapitalista somos Adega, Altermundo,
Amarante, A Baiuca Vermelha, Asociación Cultural O Curruncho, Cemma,
CGT-Pontevedra, CGT-Arousa Colectivo Ártabra 21, C.S. A Esmorga, Enxeñería Sen
Fronteiras, A Gentalha do Pichel, Implicadas no Desenvolvemento, Médicos do
Mundo, Marcha Mundial das Mulleres, Ospaaal, Foro de Inmigración, Panxea,
Ais ‘O Peto’, Sindicato Labrego Galego, Sinerxia, STEG (Sindicato e
Traballadores e Traballadoras do Ensino de Galiza), Veciñ@s pola Tolerancia,
Verdegaia, Véspera de Nada, Veterinarios sen Fronteiras, Whipala, A.C. Xermolos
MANIFESTO
12
de decembro. Día de Acción Global contra a mudanza do clima
Mudemos o sistema, non o clima!
A mudanza climática é a cara máis preocupante dunha crise
socioambiental global que afunde as súas raíces no produtivismo e no
consumismo. Un problema cuxos principais responsábeis son os gobernos e as
transnacionais dos países enriquecidos, xunto coas institucións internacionais
do Banco Mundial, o Fondo Monetario Internacional e a Organización Mundial do
Comercio, mais que golpea primeiro e máis forte ás persoas máis pobres.
Queda xa pouco tempo para prevenirmos unha mudanza climática
catastrófica. O Cumio do Clima de Copenhague non pode fracasar, malia os
intentos de boicot dos EUA. É urxente acadar un acordo legalmente vinculante de
redución das emisións de dióxido de carbono (CO2) e outros gases
causantes do cambio climático que substitúa o Protocolo de Quioto a partir de
2013. Pero non vale calquera acordo. Precisamos un que recoñeza a Débeda
Climática dos países enriquecidos cos empobrecidos, causada polo seu exceso de
emisións históricas e actuais desestabilizadoras do clima, débeda que fai parte
da máis ampla Débeda Ecolóxica.
A Rede Anticapitalista únese desde Galiza á xornada global de
mobilización contra a mudanza climática do 12 de decembro. Faino defendendo os
tres “c” do principio da Xustiza Climática: contracción (redución) das emisións
mundiais; converxencia nas emisións por habitante; e compensación dos gobernos
e transnacionais que son responsábeis da crise climática aos que sufren as súas
consecuencias.
A Rede Anticapitalista reivindica:
-Unha redución do 40% das emisións dos países desenvolvidos en
2020 a respecto dos niveis de 1990. Esta diminución deberá realizarse no
territorio de cada país, sen recorrer aos mercados de carbono. Para metade de
século a redución das emisións debería ser do 100%.
-A adopción por parte da Xunta e dos Concellos de planos para
reducir drasticamente as emisións galegas de gases de invernadoiro. As nosas
emisións por habitante de CO2 procedente da queima de combustíbeis
fósiles son dúas veces e media superiores ás chinesas e multiplican case por
nove as da India.
-Unha rápida e potente implementación de solucións apropiadas
á crise climática, como o aforro enerxético; o desenvolvemento das enerxías
renovábeis de forma descentralizada e respectuosa co territorio para substituír
os combustíbeis fósiles; a promoción dos modos transporte sustentábel e a
desincentivación dos que non o son; a soberanía alimentar e a agroecoloxía; ou
o consumo responsábel. Rexeitamos solucións falsas e contraproducentes como a
enerxía nuclear, os agrocombustíbeis ou as plantacións de eucalipto.
-O financiamento e a transferencia de tecnoloxía desde os
países enriquecidos aos empobrecidos para que constrúan economías baixas en
carbono, se adapten aos efectos negativos da mudanza climática que xa son
inevitábeis e reduzan a deforestación.
Estamos convencidos de que a salvación do clima non virá dun
imposíbel “capitalismo verde”. O crecemento indefinido da produción e o consumo
é inherente ao sistema económico capitalista e non pode ser soportado por un
planeta finito. Estamos a chocar contra os límites ambientais. Para
solucionarmos de forma efectiva e xusta o cambio climático e os demais
problemas socioambientais, en último termo, é necesaria unha transformación
radical do modelo de produción e consumo para tornalo equitativo e sustentábel.
Iso implica que nos países enriquecidos debemos apostar polo decrecemento e
abandonar a ilusión do “cr ecemento sustentable”.
|