|
O pasado domingo 22 de Novembro, a pesar dunhas condicións climatolóxicas adversas, 13 valentes membros do núcleo comarcal de Verdegaia-Pontevedra subiron á serra do Cando para colocar caixas niño que servirán de refuxio a distintas especies de aves, morcegos e quizais algún outro vertebrado.
Durante toda a mañá, o frío, os refachos de vento, os chubascos
intermitentes e a néboa complicaron a colocación dos refuxios
artificiais nunha serra situada a perto de 900 m de altitude e que a
pesar de toparse relativamente próxima á cidade de Pontevedra, goza
dunha fauna, dunha flora e dunha paisaxe dignas da protección de Lugar
de Interese Comunitario que posúe, e que lle fai formar parte da Rede
Natura 2000.
Colocarónse dous tipos de refuxios:
- Refuxios para aves que abrigarán a especies como o ferreiriño cristado, o peto verdeal, o piquelo azul e outras especies
- Refuxios para quirópteros que abrigarán a morcegos de ferradura (Rhinolopus) e a morcegos rateiros (Myotis) e con sorte a algún leirón gris.
A xornada rematou cun xantar de confraternización e cun debate sobre a redacción do plano estratéxico!
Realizaranse máis saídas a este espazo que apadriñamos para divulgar os
seus valores naturais. Seguiremos colocando caixas niño no piñeiral de Pinus silvestris, realizaremos roteiros para dar a coñecer a diversidade botánica: a presenza da Drossera,
unha planta carnívora autóctona; a diversidade en carnívoros: a
presenza do lobo, o gato montés e a garduña; e a diversidade
ornitolóxica con aves como a tartaraña cincenta, a águia cobreira,
o pedreiro cincento, o merlo rubio, o ferreiriño cristado e moitas máis.
Máis info: pontevedra(en)verdegaia.org
|