|
A Rede Galiza Non Se Vende, da que Verdegaia fai parte, manifesta, unha vez máis,
o seu máis profundo rexeitamento ao Plan Acuícola Galego que nos tenta
impoñer a Xunta co consentimento do propio Ministerio de Medio
Ambiente, Rural e Mariño, e a calquera Plan que, como este, non
respecte a costa virxe, praias, zonas húmidas, cantís, etc.; nin os
espazos naturais protexidos ou bens culturais; nin as nosas mellores
paisaxes, nin a franxa costeira dos 500m cando existe tecnoloxía
dabondo para instalarse fóra dela.
Este plan formula substituír pesca e marisqueo
tradicionais por produción industrial en terra. Unha produción que
precisa de augas de gran pureza, devolvéndoas contaminadas con
antibióticos, exceso de materia orgánica e produtos químicos. Que pode
alterar a xenética das poboacións naturais. Que precisa de 3 kg de
peixe bravo para producir 1 kg de peixe criado. Que crea menos emprego
(195 no total do plan) do que destrúe.
A importancia da piscicultura proxectada é unha
falacia, o cultivo de peixe mariño criado é ridículo comparado co
cultivo de peixe de auga doce e de moluscos (o total de produción
acuícola mundial achegase a un terzo da produción global, mentres que o
peixe mariño criado só representa un 2% do peixe mariño capturado).
O plan pretende ocupar dous millóns e medio de m2 en
primeira liña de costa, pola simple razón de que alí non se pode facer
nada máis e o seu prezo é ridículo. Esta ocupación privatizaría dominio
público e servidumes de protección (elimina a concesión administrativa
como réxime de ocupación do solo, mantendo para certos casos
“necesarios” a expropiación, o que é claramente ilegal e
inconstitucional).
Incumpriría a normativa ambiental superior
(especialmente os artigos 32, 25 e 110 da LEI DE COSTAS e as DIRECTIVAS
AMBIENTAIS) , obviando dúas sentencias xudiciais recentes do TSXG que
supoñen unha “ferida de morte” ao Plan Acuícola do PP do 2005 e ao do
bipartito do 2008 por motivos medioambientais ou de procedemento.
Incluso pretende legalizar e ampliar a piscifactoría
de Mougás en Oia (con orde de derrubo), co obxectivo de beneficiar ás
multinacionais do sector, especialmente a unha, Pescanova.
O novo Plan, qué é unha mestura dos 2 anteriores, a
excepción de 4 parques que suprimíronse grazas a unha forte
contestación social ( Laxe Brava, en Ribeira, Merexo en Muxía, Seiruga
en Malpica e Xandriña en Camariñas e Vimianzo: 860.000 m2 en total),
rescata o parque de Touriñán en plena Rede Natura (polo tanto, son
503.000 m2 menos que o Plan do bipartito), e está pendente de
aprobación definitiva en decembro, o que suporía un total de 20 parques
e afectaría a 10 espazos protexidos, (o 42% da extensión total). A súa
ilegalidade é manifesta.
Por iso, esiximos aos responsables da Xunta, que
acaban de aprobar o Plan Sectorial do Parque de Tal -no lugar da Piela
en Muros, na ría mellor conservada das Rías Baixas, lugar paradisíaco
de grande valor paisaxístico, ambiental e de interese
marisqueiro-pesqueiro- así como aos do propio Ministerio de Medio
Ambiente -que teñen a tutela da costa-, que non prevariquen e non leven
a cabo o que, segundo o noso xuízo, constitúe un gravísimo delito
ecolóxico a grande escala.
É a súa obriga defender a costa galega e defender o
interese xeral (costa virxe, espazos naturais, patrimonio cultural,
paisaxes marabillosas e únicas, recursos pesqueiros e marisqueiros…).
Aplaudimos a recente sentenza do TSXG declarando
ilegal a piscifactoría de Rinlo por estar proxectada en Rede Natura e
agardamos que sirva de advertencia para a multitude de proxectos
eólicos, hidroeléctricos, de portos, etc, proxectados actualmente
ocupando espazos nos que a protección non pode ser só nominal.
Tamén esiximos á Comisión Europea que cumpra coas
súas obrigas, defenda a Rede Europea Natura 2000 e as Directivas
ambientais e non conceda máis fondos dedicados á destrución do noso
patrimonio natural e cultural e á especulación e privatización.
A RGNSV seguirá loitando e levando a cabo todo tipo
de medidas de acción pacíficas en defensa do noso litoral e espazos
protexidos esixindo un Plan Integral de Defensa e Protección do Litoral
Galego e non un “Plan de Privatización, Destrución e Saqueo” propio
dunha sociedade que vende e destrúe un dos seus máximos tesouros. A
rexeneración ambiental e integral das nosas rías constituiría o mellor
Plan de Acuicultura posible e o único verdadeiramente sustentábel.
|