|
Verdegaia vén de se sumar á proposta "Políticas e accións para erradicar a fame e a desnutrición " apresentada co gallo do Cume Mundial sobre Seguranza Alimentar que se celebra estes días (16-18 de Novembro) en Roma. O documento recolle achegas baseadas na experiencia e traballo de movimentos e organizacións sociais de todo o mundo ao longo das últimas décadas e intégranse no marco da soberanía alimentar, que abranxe o direito humano á alimentación adecuada.
Carta aberta: Políticas e accións para erradicar a fame e a malnutricion
Nós, @s campesiñ@s de pequena escala e pescadores, pastores
nómades, mulleres, novas, indíxenas e outros movimentos sociais e
organizacións da sociedade civil, enfrontamos xuntos o desafío de
propor políticas e accións que conduzan á erradicación da fame e a
malnutrición no mundo.
Cremos firmemente que as accións para erradicar a fame e a malnutrición deben basearse nunha visión do mundo na que:
-
a soberanía alimentar debe ser recoñecida e implementada polas comunidades, pobos, Estados e institucións internacionais;
-
todos os pobos, sociedades e Estados deben poder determinar os seus
propios sistemas alimentares e ter políticas que aseguren a
dispoñibilidade de alimentos suficientes, de boa calidade, alcanzabeis,
saudabeis e culturalmente apropiados;
-
debe haber respeito polos dereitos das mulleres, recoñecemento do seu contributo crucial como provedoras de alimentos, e representación das
mulleres en todos os órganos de toma de decisións;
-
débense conservar e rehabilitarse os contornos terrestres e
acuáticos, así como a biodiversidade, baseándose nun manexo
ecoloxicamente sustentábel das terras, solos, augas interiores, mares,
sementes, gando e organismos acuáticos;
-
a diversidade de coñecimentos, alimentos, linguas e culturas tradicionais, debe ser valorada e respeitada;
-
o modo en que os pobos se organizan e expresan a si mesmos debe ser
aceitado, e o poder dos pobos para tomar decisións sobre a súa herdanza
material, natural e espiritual debe ser defendido.
Propomos as seguintes políticas e accións tendo en conta que a fame e a
malnutrición alcanzaron niveis escandalosos no mundo actual e que iso
non é accidental. Cando se observa a prevalencia deste azoute no
contexto das múltiples crises do mundo actual, vese moi claro que as
políticas existentes criaron o problema e que é necesaria unha nova
formulación.
Tamén tivemos en conta o feito coñecido de que esta situación non é
resultado dunha falta de alimento no mundo, pois se produciron
continuadamente alimentos suficientes durante décadas. As solucións que
ofreceron e seguen a ofrecer os Estados e institucións internacionais
baséanse no incremento da produción e dispoñibilidade de alimentos, sen
chegar ás causas profundas das múltiples crises. Están a propor
solucións utilizando o mesmo esquema que causou os problemas no comezo.
Erradicar a fame e a malnutrición require mecanismos que incorporen
medidas sociais, ambientais e económicas. Para implementarlas requírese
a participación decisiva de organizacións de provedores de alimentos de
pequena escala e de consumidores en todas as políticas e programas
deseñados para corrixir eses problemas.
Damos a benvida ao documento de traballo, Políticas e accións para
erradicar a fame e a malnutrición, que esboza as nosas propostas para
os cambios necesarios e como se deberían realizar. O documento de
traballo contén varias políticas e accións nas seguintes áreas:
-
Provisión de alimentos ecolóxicos e sustentábeis e aceso a territorios e bens naturais
-
Medio, cambio climático e agro-combustibles
-
Mercado, comercio, políticas de prezos e subsidios
-
Asegurar o aceso ao alimento adecuado
-
Finanzas, débeda e axuda ao desenvolvimento
-
Gobernanza
Apoiamos o resumo do documento de traballo anexo a esta carta coa
convicción de que será útil aos gobernos e institucións e pobos e ás
súas organizacións no esforzo por erradicar a fame e a malnutrición,
así como para asegurar a consecución da soberanía alimentar incluíndo
o direito humano á alimentación adecuada.
O mundo non debe ficar fechado nunha rúa cega que só nos pode
levar a niveis máis profundos dos problemas. Xa que logo, instamos
aos Estados e institucións internacionais a traballar connosco —os
movementos de agricultores de pequena escala e pobos pescadores,
pastores nómades, indíxenas, outros movementos sociais e organizacións
da sociedade civil— nun esforzo común por enfrontar e acabar co azoute
da fame e a malnutrición.
|