|
Massó, Bouzas, Areal, Teis, Chapela... os recheos matan a ría. Galiza é un dos povos que dentro do Estado Español acumula máis
agresións no seu litoral. Un novo termo chegou e acabou instalándose
entre nós, o concepto de marbellización , que ameaza con desintegrar os
nosos valores e riquezas naturais. Os proxectos de construción
previstos no litoral galego ameazan con cubrir de tixolos e cemento a
maior parte da costa galega, sen ter en conta o seu impacto
medioambiental nen os efeitos que terá sobre sectores como a pesca e o
marisqueo, que supoñen 20.000 empregos directos e son responsábeis do
10% do producto interior bruto galego.
Recheos, construción de portos deportivos, ampliación dos portos
tradicionais, portos exteriores, plans xerais sen sentido e
inxustificados que aumentan a presión sobre o noso litoral e que non
reparan en sistemas de saneamento nen de tratamento de residuos,
empresas contaminantes e de todo tipo invaden as nosas costas
provocando o incumprimento da normativa europea no que di respeito á
depuración de augas residuais ata límites que ultrapasan a barreira do
intolerábel.
Cobiza e poder únense nesa grande confabulación do capital para expoliar o noso país destruíndoo en beneficio duns poucos.
Este
modelo de desenvolvemento é o responsábel da crise que agora estamos
padecendo, un modelo que aposta por facernos máis dependentes e que
aposta pola destrución total dos nosos sectores productivos
tradicionais. Hoxe en día non hai lugar a dúbida sobre a gravidade da
situación chamémoslle medioambiental, social , cultural ou patrimonial.
O único certo é que de seguir inmersos nesta voráxine de destrución, as
consecuencias sobre o noso medio, xeito de vida, identidade e os nosos
recursos van ser dramáticas. A intensificación da desfeita é tan grave
que está a provocar a alteración e incluso a destrucción da grande
maioría dos ecosistemas litorais, perda de biodiversidade, cambio de
correntes mariñas, anulación do poder de autodepuración das nosas
rías, etc. Todo isto sumado vén hipotecar a riqueza dos nosos sectores
marisqueiro e pesqueiro e provoca a destrución directa das economías
da zona.
Desde Verdegaia queremos convidarvos a todos e a todas a que,
o sábado 14 de novembro ás sete da tarde, vos sumedes á grande
manifestación convocada pola RÍA NON SE VENDE , da que Verdegaia forma
parte, e que baixo o lema “OS RECHEOS MATAN A RÍA” percorrerá a cidade
de Vigo co fin de, unha vez máis, mostrar o noso rexeitamento ante
estas desfeitas e a nosa aposta porque outro modelo político e
socio-económico é posible.
ACUDIDE O DÍA 14 ÁS 19:00H Á PRAZA DOS CABALOS EN VIGO!!!
A DEFENSA DO LITORAL É OBRIGA DE TODAS E TODOS
NON MÁIS RECHEOS NA RÍA!!!!
|