|
Carlos
Taibo, profesor da Universidade Autónoma de Madrid e autor dunha veintena de libros sobre o capitalismo, a economía e o
decrecemento, falará sobre o decrecemento o vindeiro xoves, 5 de novembro ás 20:00 no hotel Virxe da Cerca, nun acto organizado por Verdegaia-Compostela.
Pouco despois de que a crise económica interrompera abruptamente nas nosas vidas aló polo ano 2008, moitas foron as voces que pediron unha
fonda reflexión sobre o sistema financeiro imperante e as súas normas.
Porén, semella que na actualidade estas cuestións están a quedar
diluídas no falso restablecemento dalgúns dos indicadores económicos...
Mais, nesta voráxine de cifras e índices macroeconómicos, cómpre
destacar que están a quedar nun segundo plano fenómenos tan delicados
coma o cambio climático, o encarecemento das materias primas, a
sobreexplotación dos recursos enerxéticos, a ampliación da pegada
ecolóxica e outros moitos aspectos que afectan
directamente á nosa forma
de vida e incluso á nosa supervivencia.
Neste contexto, Carlos Taibo, profesor de Ciencias Políticas na
Universidade Autónoma de Madrid cunha ampla traxectoria na
identificación dos "efectos secundarios" da globalización capitalista,
vén de publicar o libro "En defensa del decrecimiento" (Los Libros de la
Catarata, Madrid, 2009). O crecemento económico non xera -ou non xera necesariamente- cohesión social, provoca agresións ao medio ambiente en
moitos casos irreversíbeis, facilita o esgotamento de recursos e, en fin,
permite o triunfo dun modelo de vida escravo que convida perversamente a
pensar que seremos máis felices canto máis traballemos e canto máis
consumamos.
Fronte a adourada entelequia dun crecemento económico constante -algo tan
imposible coma destrutivo-, Carlos Taibo propón reivindicar o concepto de
decrecemento coma unha forma de contestar ao capitalismo na súa dobre
dimensión de explotación e inxustiza, por un lado, e
de agresións
contra o medio natural, polo outro. Os países ricos deben reducir o seu
consumo porque vivimos por riba das nosas posibilidades, porque é inxusto
coa meirande parte da poboación mundial, porque é urxente cortar as emisións contaminantes e porque comezan a faltar materias primas vitais.
Como asociación ecoloxista que loita pola transformación social en
termos de sustentabilidade ecolóxica, xustiza social e paz, dende
Verdegaia queremos contribuír á divulgación e á promoción do concepto
do Decrecemento con actividades coma esta, enmarcadas no programa Consomes
ou Devoras?.
|