|
O grupos comarcais de Amarante e Verdegaia de Pontevedra imos poñer en marcha un MERCADIÑO DE TROCO. A iniciativa xurde da colaboración das dúas organizacións no campo do
Consumo Responsable e seguindo exemplos de outras vilas galegas, coma é
o caso de Vigo, onde diversos colectivos realizan unha vez ao mes esta
iniciativa.
Recentemente Amarante e Verdegaia realizaron unha experiencia
piloto, no marco da festa da soligariedade, que foi todo un éxito de
participación da xente.
O mercadiño, que terá a súa primeira cita o próximo sábado 31 de
outubro na praza da Verdura, entre as 12,00 e 14,00 horas, pretende
consolidarse realizándose tódolos últimos sábados de cada mes.
Trátase dunha cita co sentido común, a ecoloxía e o aforro.
Parácheste a pensar en cantas cousas tes en casa que non utilizas? Fai
limpeza, escolle aquilo que está en bo estado e vén ao mercadiño.
Seguro que o que ti xa non usas, outra persoa necesítao. E ao revés:
para que comprar o que podes atopar de balde? Libros, discos, roupa,
electrodomésticos, informática...
Recorda, o sábado 31, de 12 a 14 h na Praza da Verdura, tes unha cita
coa ecoloxía e a economía máis solidaria. Porque cada vez que trocas,
decides en que mundo queres vivir.
|