|
Verdegaia interpón un Recurso de Alzada contra a Resolución de Augas de Galicia que autoriza o funcionamento da EDAR en Ponte Baixoi (Miño). Pide que se anule a autorización de vertido polo impacto que ocasionarían os efluentes sobre a Marisma de Baixoi e a Praia Grande de Miño. Reitera, ademais, a necesidade de trasladar a depuradora a outro lugar da Ria de Ares-Betanzos, afastada da marisma.
O Núcleo Comarcal de Verdegaia vén de interpoñer un Recurso de
Alzada ante a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e
Infraestruturas contra a Resolución de Augas de Galicia que autoriza
o verquido de augas residuais procedentes da Estación Depuradora de
Augas Residuais (E.D.A.R.) construida recentemente no lugar de Ponte
Baixoi, Concello de Miño (Clave: DH. V15. 20248), ao considerala
unha ameaza para a riqueza biolóxica da Marisma de Baixoi, para a
calidade das augas de baño da Praia Grande de Miño e para os
recursos marisqueiros de ambas.
No Recurso apresentado, Verdegaia reitera que o
lugar escollido para a construción da E.D.A.R. non é o máis
axeitado desde o ponto de vista ambiental, posto que os efluentes
verteríanse directamente á Marisma de Baixoi a través do cauce
fluvial do mesmo nome. Pese aos controis de calidade das augas
esixidos por Augas de Galicia na autorización de vertido, existe un
risco real de contaminación do citado humidal e de alteración da
calidade das augas de baño da Praia Grande de Miño (bandeira azul).
De feito, segundo un informe da Consellería do Mar do 13/08/2007, o
cal obra no expediente, "(...)
o asentamento elixido, con proximidade do vertido a unha marisma, no
que ademais están presentadas diferentes iniciativas e pretensións
por parte da D.G. de Costas de acometer actuacións de adecuación
ambiental da contorna choca coa filosofía conservacionista que
xenericamente se outorga a estes humedais, o cal condiciona que
deberían extremarse as condicións, control e características do
vertido de tal xeito que se asegure calquer tipo de afectación
ambiental".
Verdegaia opina que a depuradora debería situarse
noutro lugar da Ría de Ares-Betanzos onde as correntes e a
existencia dun maior caudal deste medio receptor permitisen asimilar
con maior facilidade os efluentes previamente tratados. De feito, no
informe aludido anteriormente conclúese que "(...
) o asentamento elixido non parece moi axeitado xa que o punto de
vertido emprázase nunha contorna onde conflúen multiplicidade de usos
que requiren esixencia de calidade de augas (...) Considérase que os
principais efectos potenciais produciranse na fase de funcionamento e
a sua magnitude/intensidade virá determinada, entre outros factores,
pola eficiencia depurativa da planta e as características do vertido
ao medio receptor".
Por outra banda, a E.D.A.R. de Ponte Baxoi está
situada a menos de 2000 metros dun núcleo habitado; neste caso do
núcleo de Bañobre. No Recurso tamén advertimos que o Tribunal
Superior de Xustiza de Galicia, no mes de novembro do 2006, declarou
ilegal a depuradora de Ourense por non estar suficientemente separada
das vivendas. No fallo de dito Tribunal, entre outras cousas,
alegouse que "El que la depuradora
preste un servicio público ineludible, no significa, como con error
parece considerar el ayuntamiento, que su instalación pueda
realizarse en cualquier lugar".
Tamén lembramos que a depuradora foi construída
de xeito irregular, dado que o proxecto construtivo non se someteu a
información pública no seu día. Este feito xa fora denunciado en
anteriores ocasións despois de que Verdegaia consultara o expediente
o 04/02/2008 no Concello de Miño, no cal non achou documentación
algunha que acreditase o sometimento das obras (por certo, moi
avanzadas naquela data) a dito trámite. Na resposta ás alegacións
formuladas por Verdegaia ao expediente de Autorización de vertido,
reflitida na Resolución de Augas de Galicia, recoñécese (dun
xeito eufemístico) que "...
efectivamente, na data nomeada (04/02/2008) na que Verdegaia
consultou o expediente no Concello, este estaba incompleto ..."
O feito de que a instalación conte con
licenza da Deputación desde o 2 de marzo do 2009 (un ano despois de
denunciárense os feitos), vén reafirmar que as obras executáronse
de xeito irregular. Ademais, o outorgamento de licenza por parte da
Deputación non exime o requerimento doutras autorizacións.
Verdegaia considera, ademais, que o expediente da E.D.A.R. en Ponte
Baixoi debería someterse ao trámite de Avaliación de Impacto
Ambiental pois, ainda que a instalación ten unha capacidade de
tratamento inicial de 10.000 habitantes-equivalentes, non obstante,
no proxecto prevese duplicar dita capacidade de tratamento até
20.000 habitantes-equivalentes coa incorporación da urbanización
"Costa Miño" ou "Costa Anácara" e do Polígono
Industrial de Vidrieiro (Pontedeume); polo que entendemos que a
depuradora sí se incluiría no Anexo II, Grupo 8. d "Plantas de
tratamento de augas residuais superiores a 10.000
habitantes-equivalentes" da normativa aplicable. De feito, nos
informes da Dirección Xeral de Recursos Mariños da Consellería de
Pesca de datas do 09/01/2008 (Rexistro de Saída: 11/01/2008) e do
03/11/2008 estímase necesario, cando menos, remitir a documentación
á Consellería de Medio Ambiente para que, si o estima conveniente,
someta o proxecto a unha avaliación de impacto ambiental.
No Recurso tamén denunciamos que a Marisma de
Baixoi, pese a estar integrada por diversos hábitats naturais e
especies de interese comunitario, dacordo coa Directiva 92/43/CEE do
21 de maio, co R.D. 1997/1995 do 7 de decembro e coa Lei 42/2007, do
13 de decembro, non forma parte de ningún espazo da Rede Natura
2000. Descoñecemos o motivo polo que a Consellería de Medio
Ambiente decideu non incluír no seu dia a Marisma de Baixoi no L.I.C.
Betanzos-Mandeo, a pesares de que os límites deste espazo natural
chegan até a cercana Praia da Riveira (Miño). Tampouco prevé a súa
incorporación futura, dacordo coa proposta de ampliación de dita
Rede Natura polo que, ao noso entender, supón unha flagrante
vulneración da Directiva 92/43/CEE do 21 de maio,
do R.D. 1997/1995 do 7 de decembro e da Lei 42/2007 do 13 de decembro
|