|
Os previsibles acordos internacionais que se atinxan en
Copenhague e a repartición interna da UE fixarán para o Estado español en 2020
un obxectivo de emisión de gases de efecto invernadoiro (GEI) menos ambicioso
que o de Quioto, non contribuíndo deste xeito á redución mundial destes gases
de mudanza climática.
Segundo
a repartición interna da UE para os obxectivos de emisións de GEI encadrado
no Paquete de Enerxía e Cambio climático 2020, España poderá aumentar as súas
emisións a respecto do nivel de referencia (emisións de 1990) en calquera dos
escenarios estudiados: redución do 20%, se non hai acordo internacional
satisfactorio; redución do 30%, se hai acordo internacional satisfactorio. Isto
significa que o Estado español aumentará as súas emisións, polo menos, até
2020, mentres que os países do contorno terán que diminuír e en consecuencia
transformarán as súas sociedades cara a modelos menos dependentes do carbono. A
estas alturas, Suecia, Reino Unido e Francia xa cumpren cos seus obxectivos de
Quioto e Alemaña está a piques de o facer. España é o estado da UE cuxas
emisións aumentaron máis rapidamente e que máis se afasta do seu obxectivo.
A
análise das políticas públicas españolas en mudanza climática oferece unha
serie de conclusións moi ilustrativas, como que as declaracións das persoas
responsables das políticas de mudanza climática coidan que este é un tema
prioritario e non obstante as medidas non se corresponden con ditas
declaracións. Dise que pode seguir crecendo o consumo enerxético e ao tempo
reducirse as emisións de GEI significativamente; que construíndo máis autovías,
AVEs e aeroportos redúcense as emisións do transporte; que a prioridade é
reducir as emisións internas mais ao mesmo tempo afírmase que as condicións
postas ao MDL impediron un verdadeiro lanzamento destes proxectos e que isto é
un desastre para España; que a prioridade é Latinoamérica e os proxectos de
enerxías renovables a pesar dos datos; que permitir aos sectores industriais
non enerxéticos non reducir a súas emisións nun período de tsunami urbanizador no impide cumprir con Quioto; que
dedicar diñeiro público español á Captura e Almacenamento de CO2 é
para evitar a emisión de grandes cantidades de GEI de China e India, que non
compite con investimentos noutros campos máis sustentables como as enerxías
renovables e que forma parte das solucións a pesar de que non estará operativa
até a segunda metade do século; que existe coordenación entre todos os niveis
da administración pública.
Chama a
atención, porén, que os poderes públicos achen que é bo e xusto para España
emitir máis en 2020 que en 2012, como demostran non só as declaracións senón as
políticas postas en marcha nos últimos tiempos, coas que calquera mudanza na
tendencia crecente antóllase imposible.
Se o
Goberno español pretende colaborar no obxectivo global de diminuír as emisións
á metade en 2050 e transformar a sociedade e a súa economía cara a modelos máis
sustentables e xustos, deberá asumir unilateralmente obxectivos de emisións
cuantificables moi por debaixo do descrito.
Máis información:
Informe de Ecologistas en Acción "El cambio climático en España 2009-2020 "
|