|
Vai de Roteiros retoma a súa andaina co comezo do curso cun roteiro por Sobrado dos Monxes coorganizado por Verdegaia-Ferrol e Verdegaia-A Coruña. O roteiro é de dificultade media-baixa. Entre outros, os fitos máis salientábeis que coñeceremos serán o acampamento romano da Ciadella, o Mosteiro de Santa María
de Sobrado, o lugar de Reboredo (teixos), a Lagoa de Sobrado, o carballo
centenario na Portacal, Igrexa e Pazo de Cumbraos e a carballeira da
Casa do Gado. Este é un roteiro non sinalizado deseñado por Verdegaia.
Percorrido:
13,9 km.
Dificultade:
media-baixa.
Ubicación:
Concello de Sobrado (A Coruña).
Transporte:
bus.
Saída:
-
Para as persoas que vaian dende Ferrol,
a saída será ás 9 da mañá dende a escalinata de Correos.
-
Para @s que vaian dende A Coruña, o
bus fará unha parada en Guísamo para recollelas ás 9:30 xunto ao
Café Central.
Volta: 20:30 h aprox.
Prezo:
soci@s 10 €, non soci@s 12 €.
Pontos
de interese: acampamento romano da Ciadella, Mosteiro de Santa María
de Sobrado, lugar de Reboredo (teixos), Lagoa de Sobrado, carballo
centenario na Portacal, Igrexa e Pazo de Cumbraos, carballeira da
Casa do Gado, a paisaxe.
Recomendacións:
posto que se trata dun roteiro non sinalizado deseñado por
Verdegaia, recomendamos a quen participen que sigan as indicacións
d@s organizador@s e non se adianten grandes distancias.
Contacto
Miguel: 661636946 (N.C. Ferrol)
Jacobo: 639224770 (N.C. A Coruña, tardes)
Percorrido
Prólogo:
visita ao Campamento
Romano de A Ciadella
Como
prólogo ao noso roteiro, e dada a distancia a Sobrado (6 km),
faremos unha pequena visita co propio bus a este importante xacemento
arqueolóxico. Ao chegar ao lugar das Cruces desviámonos á
dereita para chegar ao lugar da Igrexa, a 3,5 km.
Asentado
sobre unha altiplanicie de 480 metros. Atópase rodeado por unha
cadea montañosa que é a Serra da Corda, cuxa altura varía entre os
522 e os 601 metros. A presenza do Campamento neste lugar débese a
motivos estratéxicos coma o control do paso cara a "Lucus Augusti"
(Lugo). Grazas ás tellas achadas con marcas que consisten nuns selos
rectangulares con esquinas redondeadas coa inscripción COHIC, CPC,
CIC, pénsase que corresponden ás Cohors
I Celtiberorum.
Estas Cohors coñecémolas a través dunha fonte escrita coñecida
coma Noticia
Dignitatum.
A finais do Século I estarían no Norte de África, aséntanse en A
Ciadella a comezos do Século II e permanecen alí ata ben entrado o
Século IV, no que é trasladada a Iulóbriga (Reinosa). Unha vez
abandoado é ocupado por poboación civil xermánica. O recinto
campamental é rectangular, coas esquinas redondeadas. As súas
dimensións son 172 metros de largo por 140 metros de ancho, o que
equivale a unha extensión total de 2,40 Ha, que son as medidas
idóneas para o asentamento de unha Unidade
Militar Quinquenaria,
é dicir, unha Cohors. Todo este recinto está defendido por unha
muralla e un foso, así coma varios postos de vixiancia situados nas
cercanías do Campamento. Os materiais achados no Campamento son
abondosos, destacando a cerámica común romana, Sigillata Hispánica
procedentes dos talleres de Tricio (Rioxa Alavesa), Sigillata
Hispánica Tardía, Lucernas, unha ampla gama de vidros, moedas que
abarcan dende a época de Domiciano (86 D.C.) até Claudio II (270),
bronces, obxectos de ferro, materiais cerámicos de construción,
etc.
Unha
vez rematada a visita, voltamos ao bus para dirixirnos a Sobrado e
comezar a nosa andaina.
Tramo
1: Praza do Concello-cruce de Eirexe Nova
Superficie:
beirarrúa, asfalto e terra.
Distancia:
2339 m.
Dificultade:
baixa.
Dende
a Praza do Concello
partimos cara o Sur pola beirarrúa que arrodea a finca do mosteiro
(estaremos seguindo o Camiño de Santiago). As vistas do Mosteiro
de Sta. María e dos Montes
do Bocelo, ao fondo, conforman unha paisaxe magnífica para comezar o
camiño. Xusto antes de chegar ao cruce de A Pontepedra xiramos á
esquerda e seguimos a beira dereita da pista, sen perder de vista o
muro da finca do mosteiro. Á nosa dereita temos ao recén nado Río
Tambre, que recibe ao seu
primeiro tributario, o Rego de Porto Ferreiro, xusto despois de saír
da finca do mosteiro, pola que serpentea preguiceiro. Seguimos sempre
a carón do muro do mosteiro, e tras dous cruces atopamos xa o camiño
de terra. Poderemos aproveitar os ocos no muro para disfrutar das
vistas do interior da finca,
formada por praderías e fragas de ribeira. A dereita do camiño
veremos un exemplar salientable de abeto.
Ao chegar ao cruce cunha pista de terra xiramos á dereita en
dirección Sur para comezar o seguinte tramo.
Tramo
2: Cruce de Eirexe Nova-Lagoa de Sobrado
Superficie:
terra.
Distancia:
4.118 m
Dificultade:
baixa.
No
cruce seguimos a pista cara ao Sur, deixando á nosa esquerda o lugar
de Eirexe Nova.
O camiño, amplo e de bon andar, discurre entre prados e montes, con
predominio de especies autóctonas como carballos, salgueiros e
bidueiros, se ben o aumento no cultivo de eucaliptos e piñeiros
faise cada día máis evidente. A medida que imos subindo as vistas
vanse facendo máis fermosas, tendo como telón de fondo os Montes
do Bocelo, que pouco a pouco
van sucumbindo á invasión eólica. Tras camiñar uns 625 metros, xa
case ao coroar o alto, desviarémonos á esquerda por un camiño de
menor anchura. Ao pouco atoparemos un novo desvío, onde seguiremos
pola dereita. Pronto deixamos á nosa esquerda o lugar de Millares,
onde hai unha pequena lagoa artificial moi eutrofizada, aínda que
nela tamén se poden ver parrulos, galiñas de río e mérgulos.
Continuando
sempre polo mesmo camiño, pasaremos polo lugar de Reboredo,
que conserva un interesante conxunto de casas de pedra. Cruzaremos o
rueiro para baixar por un camiño ata unha fonte cuberta polas
frondas de tres fabulosos teixos.
Voltaremos polos nosos pasos para deixar Reboredo en dirección Sur,
e a uns 50 m xiraremos en dirección Leste por un vello camiño que
ao pouco nos levará ao comezo dunha pista de terra.
Collemos esta pista
para andar en dirección NO entre praderías e pequenas fragas que
conforman unha paisaxe ben conservada e que paga a pena percorrer con
vagar, ata chegar á Lagoa de
Sobrado, onde faremos o
xantar aproveitando a pasarela de madeira.
Recomendamos non entrar ao
suposto observatorio xa que na actualidade por desgraza ten outros
usos.
A lagoa ten unha extensión de 10 ha e
considérase como o nacemento do río Tambre. A pesares da súa
orixe artificial, que se remonta a comezos do século XVI, é unha
boa representación dunha zona húmida. As aves acuáticas, as ras e
as tapadeiras (nenúfares) son o primeiro que capta a nosa atención.
Pero hai máis. A lagoa ten importancia comunitaria pola presenza do
felgo Isoetes velatum.
Ademais é de destacar a presenza da alga Nitella
flexilis, xa que se trata
dunha das poucas citas na península. Entre os mamíferos é de
destacar a presenza da lontra, o leirón careto, a algaria, o tourón
e o raposo. Non menos importantes son as diferentes especies de
anfibios e réptiles.
Tramo
3: Lagoa de Sobrado-A Portacal
Superficie:
terra.
Distancia:
3.810 m
Dificultade:
media.
Repostas
as forzas, bordeamos a beira
Oeste da lagoa seguindo a pasarela de madeira ata chegar a un prado
que cruzaremos en dirección N para enlazar co camiño que nos leva
ao lugar de Gondrei.
Xa á saída do rueiro, no cruce de camiños collemos o de terra da
esquerda, en dirección NO, e ao chegar á zona baixa desviámonos á
dereita seguindo un camiño atravesado por un regato. Este camiño
discorre entre prados e fragas de ribeira, e tras 400 metros chega ao
Rego do Rodelo,
onde pasa a ser un carreiro. Tras outros 300 m chegamos ao Muíño
dos Cregos.
Seguimos
remontando o cauce do rego entre fragas, prados e repoboacións, e
tras pasar xunto a un rueiro de pedra acadamos o cruce do
Lago. Aquí xiramos á
esquerda a pista asfaltada e a poucos metros collemos un camiño de
terra á dereita, dende onde xa podemos ver o lugar da
Portacal. Neste lugar
atopamos un carballo
centenario catalogado pola
SGHN como o segundo máis vello de Galicia.
Tramo
4: A Portacal-Mosteiro de Sobrado
Superficie:
terra e asfalto.
Distancia:
3.704 m
Dificultade:
baixa.
Saímos
da Portacal continuando pola pista asfaltada (nalgún tramo permite
camiñar pola beira) ata chegar ao lugar de Eirexe (parroquia de
Cumbraos),
onde se atopa a fermosa Igrexa
de San Xiao,
de cruz grega,
e o Pazo
da Armada, adicado á
explotación gandeira. Este pazo conserva tamén unha interesante
fraga, se ben os camiños que a percorren están case perdidos.
Saímos do lugar por unha deliciosa avenida flanqueada de carballos
para cruzar a estrada AC-231, que vén de Teixeiro. Xusto ao outro
lado está o cemiterio
e un pouco á dereita un castro.
No cruce xiramos á esquerda en dirección SO, seguindo unha
corredoira que discorre en paralelo á estrada. A un km máis ou
menos atopamos unha pista alfaltada, aquí xiramos á esquerda e
antes de acadar novamente a estrada collemos o camiño de terra á
dereita ata chegar xunto ao indicador de Amilladoiro
(a alguén non lle gustaba o "a" e tachouno). Cruzamos a estrada
e entramos xa na Carballeira
da Casa do Gado polo camiño
"celta-román-suevo", segundo reza un cartel colgado no seu
arranque. Cunha extensión de 35 ha, esta fraga é coñecida por ser
unha das máis fermosas de Galicia e porque aquí se filmaron moitas
das esceas da película O
bosque animado (1987), de
José Luis Cuerda. As especies predominantes son o carballo e o
castiñeiro, se ben na porta do pazo atopamos interesantes exemplares
de sobreira, e nos regos que a cruzan ameneiros, salgueiros,
bidueiros e freixos de bon porte. En menor medida pódense ver
acivros e cerdeiras. Tras rodear o muro do pazo pola zona Sur (orlado
con poemas dunha poeta local), chegamos á estrada que vai cara á
lagoa. Cruzámola e baixamos por unha calexa, xirando logo á dereita
para baixar entre casas de
pedra ben conservadas de novo
á Praza do Concello. Dende aquí accedemos ao recinto do Mosteiro
para realizar a visita guiada
por un monxe da propia
congregación (45 min). Ao remate da visita volveremos á praza para
coller o bus de volta a Guísamo e Ferrol. A hora prevista de chegada
é arredor das 8:30.
O
mosteiro
O
de Santa María é un mosteiro cisterciense de gran relevancia na
historia de Galicia durante séculos e unhas
das máis importantes obras do barroco galego.
Fundado
polos beneditinos no ano 952, foi abandonado a comezos do século XI.
Foi refundado novamente polos monxes cistercienses no ano 1142,
comunidade que levou o Mosteiro a un notable poder económico e
social; chegando a estender os seus dominios a Portomarín, Palas de
Rei, Noia e Betanzos e chegando a aloxar ata 8000 viaxantes anuais.
Tal prosperidade foi a que levou o Mosteiro a estar case
continuamente en obras dende o século XVI ata o XVIII, época na que
foron construídos a igrexa, o claustro ou a sancristía. No século
XIX comeza a súa decadencia, que conclúe coa orde de
desamortización e o seu total desaloxo no ano 1834.
No
ano 1959 o cardeal Quiroga Palacios decide liberar das ruínas o
edificio o mandar comezar os traballos de reconstrución que virán
acompañados 7 anos despois pola reocupación por unha comunidade de
monxes cistercienses vidos do Mosteiro de Viaceli, situado en
Cóbreces (Cantabria). Dita comunidade rexenta a hospedaría, o
albergue de peregrinos e xestiona unha pequena explotación gandeira
ata os nosos días.
|