A confederación estatal Ecologistas en Acción, perante a presentación do Proxecto Piloto de Mobilidade Eléctrica
Movele, discrepa dos datos de aforro enerxético facilitados poloMinistro de Industria. Do mesmo xeito, pon
en dúbida que a solución aos nosos problemas de mobilidade veña do lado do
coche eléctrico. Máis ben ao contrario.
O Ministro de Industria, Turismo e Comercio vén de presentar
o chamado Proxecto Piloto de Mobilidade Eléctrica, Movele. En dita presentación
atribuiu unhas virtudes ao coche eléctrico que están moi lonxe da realidade.
Efectivamente, os datos presentados non resisten a máis mínima
análise científica. Así, por exemplo, o ministro Sebastián declarou que en caso
de substituír todo o parque automobilístico actual "deixaríanse de emitir 81
millóns de toneladas de CO2 anuais, cifra que representa o 81% das
emisións do sector do transporte".
Esquece o Ministro que, por exemplo, fabricar todos eses
vehículos tería un custo enerxético brutal. De feito, calcúlase que fabricar un
automóbil consome tanta enerxía como a que gasta ese mesmo vehículo ao longo de
60.000 km, un balanzo que de seguro non considerou o Sr. Sebastián nas súas
contas.
Tamén chama a atención que a pretensión de reducir emisións
de CO2 non se vexa correspondida con outras actuacións do Ministro,
como o proba o forte recorte que realizou sobre a enerxía fotovoltaica, unha
forma de xeración eléctrica claramente redutora de emisións.
Tamén semella dar por feito o Ministro que os novos
vehículos eléctricos vansubstituír os
actuais automóbiles diesel ou gasolina. Está por ver. Máis ben a situación será
a de que as familias conserven o seu vehículo de combustión interna para
percorridos longos e incorporen un novo vehículo eléctrico para percorridos
urbanos, incrementando aínda máis o enorme parque móbil que xa temos.
Pero, ademais, os estudos demostran que as melloras na eficiencia
non adoitan ir acompañadas de reducións no consumo total dun recurso, senón a
miúdo o contrario. Así, a mellora na eficiencia dos actuais coches a respecto
dos de hai unha década non supuxo unha baixada no consumo de combustible nestes
dez anos, senón o seu aumento pola maior utilización dos novos vehículos. É o
que se coñece como o efecto rebote. A "conciencia tranquila" que pode provocar
o uso dun coche eléctrico no consumidor -en especial con propaganda como a que
se fai desde o Ministerio de Industria ou desde os fabricantes, que os
cualifican como vehículos limpos e de emisións cero- levará a un maior emprego
destes automóbiles.
Canto aos 8 millóns de euros previstos en axudas para
impulsar a demanda de coches eléctricos, para a confederación estatal Ecologistas
en Acción estes fondos mellor se empregarían en programas como os que se
impulsan desde algúns países europeos: promover o abandono do coche en troques
de abonos de transporte público. Isto sí que provocaría, de forma drástica, un
grande aforro enerxético, menor dependencia enerxética e menores emisións de CO2,
alén de facilitar unha maior calidade do aire nas nosas cidades e una mellora
da habitabilidade urbana, sen falar da diminución da sinistralidade.
Para Ecologistas en Acción é verdade que os vehículos eléctricos
poderían xerar menor contaminación acústica, de gases e de partículas nas
cidades. Mais os coches orixinan outra serie de problemas, como os relacionados
co modelo urbanístico e de transporte: expansión urbana, construción de grandes
infraestruturas, grande ocupación de espazo público, limitacións á mobilidade
doutros medios máis sustentables -a bicicleta, camiñar ou o transporte
colectivo-, sinistralidade en condutores e peóns, e un longo etcétera.
O automóbil eléctrico avanza un paso máis en manter unha
situación de insustentabilidade, simulando todo o contrario. Manter e potenciar
os desprazamentos privados nos ámbitos metropolitanos favorece o modelo
disperso de urbanismo e impulsa a creación de máis infraestruturas de
transporte. Crea a ilusión de que é posible un sistema de transporte
"ecolóxico" á marxe do transporte público e da reorganización urbanística.