|
Verdegaia-Ferrol presentou, a través do
Rexistro Xeral do Concello o día 14 de agosto de 2009,
alegación ao Estudo de Viabilidade do aparcadoiro soterrado na Praza
de Armas. Pídese a paralización e anulación deste proceso de
contsrución dun aparcadoiro xa que contradí as iniciativas exitosas
doutras cidades ao desviar o tráfico cara a aparcadoiros fóra dos
cascos históricos; tamén contradí as liñas mestras do propio Plan
Especial do Concello de Ferrol e desoe o Plan de Mobilidade. Ínstase
ao goberno municipal a abandonar o proxecto e construír unha verdadeira
praza pública para o goce e desfrute da cidadanía.
O
Concello de Ferrol está a elaborar un Plan de Mobilidade para o
conxunto do termo municipal, que inclúe reflexións sobre a
ordenación do tráfico e o aparcadoiro de vehículos; sen agardar as
conclusións baseadas nunha visión de meirande perspectiva, tomou
precipitadamente a decisión de resgatar a concesión sobre o
aparcadoiro da Praza de Armas e iniciar o procedimento para a
construción dun aparcadoiro soterrado de maior capacidade.
Supónse
na redacción do Plan de Viabilidade que o aparcadoiro da Praza de
Armas vai competir con vantaxe con outros parkings en funcionamento,
cando vai ser o de máis difícil accesibilidade para os clientes por
atoparse no centro do casco histórico, fronte á excelente
accesibilidade da Praza de España (aparcadoiro de acollida do barrio
da Madalena, como suxire o propio Plan Especial). Este optimismo na
estimación de demanda de aparcadoiro confírmase á hora de pedir
opinión aos operadores privados. Case todos os que responden á
consulta do Concello sobre o interese en facerse cargo deste tipo de
infraestructura estiman que a capacidade está sobre-dimensionada.
Estes
aspectos contradictorios do Plan de Viabilidade poñen en dúbida
mesmo a necesidade do propio aparcadoiro, tendo en conta a escasa
utilización dos aparcadoiros existentes, o optimismo da estimación
da demanda e a peor accesibilidade rodada da localización proposta.
As dúbidas fundadas sobre a viabilidade de ampliar o aparcadoiro da
Praza de Armas e, sobre todo, a afección tan negativa que vai ter
sobre a peonalización do barrio, fan que a decisión máis acorde
coa peonalización do Casco Histórico pase necesariamente por:
-
Pechar o aparcadoiro da Praza de Armas (que non cumprimenta ningunha
medida mínima de accesibilidade e que si terían outros aparcadoiros
en funcionamento e cun baixo nivel de ocupación situados na Praza de
España, Cantón, Mercado Central e Pescadería. ).
-
Reurbanizar a Praza de Armas.
-
Implementar medidas de ordenación de estacionamento en superficie.
-
Implementar medidas de mellora no control e policía de tráfico que,
ao tempo que melloran a accesibilidade peonil, redunden nun meirande
grao de ocupación dos aparcadoiros xa en funcionamento que, por
situarse na contorna inmediata do barrio da Madalena, prestan o mesmo
servicio aos cidadáns ao tempo que non comprometen a peonalización,
como sí a compromete o aparcadoiro da Praza de Armas.
-
Apostar polo transporte público e os modos peonís e bicicleta no
conxunto da cidade, co fin de reducir a mobilidade no vehículo
privado.
Documentación:
Alegacións ao aparcadoiro soterrado na Praza de Armas
|