|
Ecologistas
en Acción, Greenpeace, WWF España, Izquierda Unida-Iniciativa per Catalunya Verds
(IU-ICV) e CC.OO presentaron no Congreso unha Proposición de Lei (PL) sobre
Fiscalidade Ambiental que ten como obxectivo acometer mudanzas no actual marco
normativo fiscal introducindo criterios ambientais en impostos existentes,
creación de novos impostos e reforma con criterios ambientais da fiscalidade
das facendas locais.
Esta
Proposición de Lei prevé novos impostos sobre a enerxía nuclear, o vertido e a incineración de
residuos e as bolsas de plástico. Estes impostos súmanse a modificacións que se
introducen nos impostos existentes sobre hidrocarburos, matriculación, imposto
de sociedades, IRPF e IVE. Polo que atinxe ás facendas locais, modifícanse as
taxas de residuos, o imposto de circulación, o imposto sobre construcións,
instalacións e obras e o IAE.
Con esta iniciativa procúrase
gravar en maior medida as actividades máis contaminantes, eliminar certos
beneficios fiscais ambientalmente inxustificables e bonificar as prácticas máis
sustentables. "O obxectivo fundamental e prioritario da proposta é mudar
comportamentos da cidadanía e as empresas no consumo de bens e servizos,
substituíndo uns, os de maior impacto ambiental e emisións de CO2,
por outros de menor impacto e máis eficientes enerxeticamente", insistiron.
Tamén se
busca promocionar sistemas de transporte e usos do solo "máis sustentables" con
transporte público e vehículos menos contaminantes, rehabilitación, agricultura
máis sustentable, enerxías renovables e investimentos ambientais.
Algunhas das mudanzas
que se introducen nos impostos actualmente existentes son:
-No imposto sobre hidrocarburos
elimínase a exención que até agora tiña para os voos domésticos, auméntanse as
tarifas do fuelóleo e búscase a converxencia de tipos entre o gasóleo e a
gasolina.
-No imposto sobre determinados medios de
transporte (matriculación) elimínase a exención do imposto da que desfrutaban
até agora todas as embarcacións de recreo e as aeronaves e nos vehículos e
motocicletas refórzase o vínculo entre o tipo impositivo e as emisións de CO2
aumentando o número de categorías existentes e tomando en consideración outras
formas de contaminación por medio das categorías euro.
-No imposto de sociedades introdúcense
deducións para investimentos de aforro de enerxía e auga e en gastos para
favorecer a mobilidade sustentable dos seus traballadores.
-No IRPF introdúcese unha dedución por
adquisición de abonos de transporte público por parte dos traballadores.
-No IVE aplicaríase o tipo normal
no canto do reducido a servizos como a fumigación de plantacións ou o
transporte aéreo e aplicaríase, porén, o IVE reducido ás rehabilitacións e
vivendas protexidas.
Os novos
impostos (estatais) que se crearían son:
-Un imposto sobre a enerxía
nuclear e o almacenamento de residuos radiactivos, cuxa recadación destinaríase
en parte a un Fondo para o desenvolvemento alternativo das zonas onde se ubican
as centrais.
-Un imposto sobre o vertido e a
incineración de residuos, cuxos ingresos
cederíanse ás CC.AA. e do que se exclúen as CC.AA. que xa o teñen
estabelecido.
-Un imposto sobre as bolsas de
plástico dun só uso, semellante ao estabelecido por Irlanda.
-Un imposto sobre a mudanza de uso
do solo cuxa finalidade é desincentivar a urbanización excesiva gravando as
actuacións de nova urbanización e favorecer un urbanismo compacto. A recadación
destinaríase ao Fondo para o Patrimonio Natural e a Biodiversidade creado pola
lei 42/2007.
-Un imposto sobre sustancias de
elevado nivel de preocupación, como as clasificadas pola normativa como
carcinóxenas, mutáxenas ou tóxicas para a reprodución, para favorecer o consumo
de sustancias alternativas menos prexudiciais para a saúde humana e laboral.
Polo que
respecta ás facendas locais modificaríanse no seguinte
sentido:
-As taxas de residuos definiríanse
con criterios ambientais.
-Os tipos do IBI modularíanse en
función do certificado enerxético do edificio e tería un recargo a segunda
residencia.
-O imposto de circulación
modularíase tamén segundo as emisións de CO2 e as categorías euro.
-No imposto sobre construcións,
instalacións e obras diferenciaríase entre as de solo urbano consolidado ou
edificado e as unifamiliares e bonificaríase o aproveitamento de augas grises.
Similar diferenciación aplicaríase no imposto de plusvalías.
-Defínese un imposto sobre a
pernoita, que gravaría a estadía en aloxamentos turísticos, que se podería
aplicar voluntariamente por parte dos concellos.
-No IAE eliminaríase a
bonificación que agora teñen as empresas afastadas do casco urbano, que
actualmente carece de sentido, e bonificaríase a empresas con transporte
colectivo ou plano de mobilidade, ou con sistema de xestión ambiental EMAS.
Esta
Proposición de Lei non ten a intención de incrementar a recadación senón actuar
sobre as vías polas que se obtén dita recadación, favorecendo unha economía
máis sustentable. Aumenta nalgúns casos a recadación fiscal (hidrocarburos,
enerxía nuclear, vertido e incineración, bolsas de plástico, pernoita, mudanza
de uso do solo, taxas de residuos...), mais diminúea noutros casos (imposto de
sociedades, IAE, IRPF...). Noutros casos como no IVE ou nos impostos de
matriculación e circulación aumenta ou diminúe a recadación dependendo do tipo
de produtos obxecto de gravame.
Os ingresos
que se deriven desta proposta non terían polo xeral destino finalista, senón
que irían ás arcas do Estado, das Comunidades Autónomas ou dos municipios, coa
excepción unicamente do imposto sobre a enerxía nuclear, que se destinaría
parcialmente a un Fondo estatal para a reactivación das zonas onde se ubican as
centrais nucleares, e do imposto sobre a modificación do uso do solo, que
podería ir ao xa existente Fondo Estatal para o Patrimonio Natural e a
Biodiversidade.
Documentación: Proposición de Lei sobre Fiscalidade Ambiental
|