Coincidindo
coa xuntanza do G-8 en L’Aquila (Italia) que trata de refundar o
capitalismo, a Rede Anticapitalista (Ra!) convoca concentracións o
xoves 9 de xullo en distintos lugares de Galiza.
Desde a RA estamos convencidos que é un acto antidemocrático (neste
club non teñen voz os pobos do sur), inmoral (pretende normalizar a
situación previa para seguir especulando), ilegal (estase axudando a
banca sen abrir procesos xudiciais por malversación de fondos e estafa)
e sobre todo suicida (se restaura o modelo a crise financeira pode ser
infarto ecolóxico).
Compostela, ás 21:00 horas na praza do Toural
Lugo, ás 20:00 horas na Praza Maior
Ourense, ás 20:30 horas na rúa do Paseo
Pontevedra, ás 20:00 horas na praza da Peregrina
Estamos diante da primeira crise da globalización pero sendo central a
crise financeira estamos diante dunha crise estructutural de dimensión
múltiples crise de traballo, de acceso aos alimentos, enerxética,
medioambiental e financeira. As solucións que nos impoñen desde o poder
–máis libre comercio, máis cartos públicos para rescatar os bancos, o
sector automobilístico e inmobiliario, máis oligopolios, máis
transxénicos, etc.– tratan de esconder que a crise é produto do sistema
capitalista e do neoliberalismo, que só afondarán os seus impactos
sobre os pobos, as persoas e sobre o conxunto do planeta.
Namentres se quere refundar o capitalismo se trata de ignorar a crise
mais importante: o sistema asentado artificialmente sobre un modelo
consumista insostible ten como único soporte o endebedamento, mentres
que o medre da brecha entre ricos e pobres, a precariedade, a
invisibilidade dos traballos realizados dende sempre por mulleres e o
desregulamento laboral son concibidos como algo consubstancial ao
propio sistema, un medio máis para manter e incrementar os beneficios
duns poucos en detrimento das persoas.
Os países do Sur, seguindo as directrices do FMI, BM e OMC, foron
forzados a liberalizar as barreiras comerciais, desregular os mercados
financeiros e laborais, privatizar as industrias nacionais, abolir os
subsidios e reducir o gasto social e económico. Unha ortodoxia que os
“ricos” incumpren cando interesa e agora máis ca nunca. As estimacións
acerca da cantidade de cartos que os estados empobrecidos perden por
fuga de capitais e expatriación de ingresos impoñibles varía de 350.000
millóns a 500.000 millóns de dólares ao ano.
O FMI calcula que as perdas directas da crise financeira provocará a
entidades de todo o mundo un monto de 1,4 billóns de dólares, pero as
perdas económicas globais estímanse moito maiores.
Mentres o Goberno español poderá chegar a investir ata 150.000 millóns
de euros para axudar á banca, o que destina a axudas contra o
desemprego é 170 millóns de euros.
Xa sabiamos que o liberalismo actual era unha gran mentira: subvencións
e axudas ás multinacionais do Norte e fortes aranceis aos pequenos
produtores e produtoras. A libre circulación de capitais existía pero a
libre circulación de traballadores e traballadoras era freada por
centos de valados e muros. Agora descubrimos algo “novo” tras as
operacións dos gobernos por rescatar os beneficios da banca: o
liberalismo consiste na legalización do roubo.
É HORA DE ACTUAR
En xeral, a esquerda institucionalizada abandonou hai tempo os seus
programas de transformación social, ben porque non quere ben porque non
é quen de levar adiante propostas de cambio.
Somos os movementos sociais e as cidadanías de diferentes rexións do
mundo os que temos dado a cara diante da incertidume. Primeiro poñendo
en marcha un movemento de resistencia diante dos diferentes cumios dos
amos do mundo. Segundo, xerando espazos de reflexión en diversos foros
sociais. E, de seguro, artellando propostas programáticas de cambio
como xa o están a facer as organizacións sociais e movementos cidadás
en diversas partes do mundo.
Os movementos sociais e organizacións cívicas galegas coincidindo coas
reflexión plantexadas no foro de Belem o pasado xaneiro temos decidido
non so propor alternativas ou mobilizarnos senón artellar unha rede
para a mobilización global que teña como elementos vertebradores:
- Unha
iniciativa plural e aberta a todas aquelas persoas e colectivos que
queren impulsar un proxecto de cambio estratéxico sistémico.
- Unha
aposta transversal. Un dos grandes logros do sistema é a fragmentación
de loitas. Faise necesario artellar redes globais e transversais de
cambio.
- Unha
opción programática que teña como piares a radicalidade democrática, o
modelo económico sustentable ao servizo das persoas en harmonía coa
natureza e a xustiza social global. Unha proposta que busque solucións
reais no decrecemento, a sustentabilidade e a soberanía alimentaria.
A crise económica mundial podemos e debémola converter nunha oportunidade histórica de transformación.
Formamos parte da RA organizacións que levamos anos combatendo as
consecuencias do modelo inxusto, a pobreza e a destrucción do hábitat
pero que agora queremos tamén combater conxuntamente as causas: e a
causa e o capitalismo.
“NON IMOS PERMITIR QUE REFUNDEN O CAPITALISMO, MELLOREN OS SEUS BENEFICIOS E PISEN OS NOSOS DEREITOS.”
|