|
Verdegaia (Núcleo
Comarcal de Ferrol, Eume e Ortegal), en colaboración coa asociación
Roxínroxán, organiza o vindeiro domingo 5 de xullo un roteiro para
coñecer un curruncho esquecido da nosa comarca, a marisma do Río
Baixoi, no concello de Miño. O roteiro consistirá nun
percorrido de aproximadamente nove quilómetros que bordeará toda a
marisma, achegándonos tamén ao lugar de Bañobre, que presenta
interesantísimas mostras de arquitectura civil e relixiosa, algunhas
das cales teremos ocasión de visitar.
Data: Domingo, 5 de xullo de 2009
Punto de encontro: Estación de Buses de Ferrol, 9:45 h.
Volta: 15.30 h.
Prezo: 5,50 € (socios) e 7,50 (non socios).
Contacto: T. 661636946, email
Este enderezo de correo-e está protexido contra spam bots, necesitas ter o Javascript activado para podelo ver
Ao longo do percorrido
tentaremos comprender e coñecer un pouco mellor o ecosistema da
marisma, que dende hai décadas ven sufrindo multitude de agresións
por culpa do urbanismo incontrolado e a proliferación de
infraestruturas: estradas, autoestradas, vías férreas, tendidos
eléctricos e últimamente a Estación Depuradora de Augas Residuais
“Ponte Baxoi”.
A pesares de tanta
agresión, a vida resiste, e a marisma é refuxio de especies animais
tan interesantes como o teixugo, a lontra, o miñato queimado (que
cría nela) e a andoriña dos penedos. Non será difícil ver tamén
algún rastro do corzo.
En canto á flora,
salgueiros, carballos, freixos, ameneiros, loureiros, piñeiros e
diversas especies de espiños (abruñeira e espiño branco) son o
máis destacable. Máis relacionadas co propio ecosistema mariño,
atopamos a tamarxeira (Tamarix gallica), o xunco (Juncus
maritimus) ou o Hamilione portulacoides. Na desembocadura
do río consérvase unha interesante fraga de ribeira. Ademais, polo
camiño pasaremos xunto a numerosos exemplares de cerdeiras e
guindeiras.
Como no anterior roteiro
que fixemos polo Río Mera, aproveitaremos o transporte público para
minimizar o impacto ambiental da nosa actividade. En principio está
previsto que partamos de Ferrol no bus das 10 da mañá, que chega a
Miño pasadas as once. Para a volta tomaremos o tren que vén de
Coruña ás 15:24 h.
O prezo do roteiro estará
en función destes transportes, e rondará os 5,50 euros para @s
soci@s e os 7,50 para non soci@s.
Respecto ao equipamento,
será importante levar auga, comida, calzado e roupa cómodos (mellor
pantalón longo para evitar os roces coa vexetación), un gorro e
protección solar por se o día e moi caluroso.
|