A calidade do aire das cidades galegas non cumpre as recomendacións da Organización Mundial da Saúde
Mércores, 24 de Xuño do 2009
Segundo o informe de Verdegaia e Ecologistas en Acción "A
calidade do aire en Galicia. Balanzo 2008", baseado en datos divulgados pola
Xunta, practicamente en todas as principais cidades galegas se incumpren os
valores recomendados pola Organización Mundial da Saúde (OMS) para as partículas
inferiores a 10 micras (PM10), o contaminante atmosférico máis
preocupante desde o punto de vista da saúde humana. O informe tamén denuncia
que a Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas oculta
información sobre a calidade do aire no contorno dalgunhas industrias
contaminantes.
Aínda que, segundo os datos da
Xunta, en 2008 só serexistrou unha
superación dun valor límite legal -para PM10, na cidade da Coruña-,
incumpríronse en practicamente todas as principais cidades valores recomendados
pola OMS, máis esixentes que os legais en vigor. Para PM10 houbo
incumprimentos na Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense e Vigo. Para PM2,5
(partículas inferiores a 2,5 micras)na
cidade de Vigo e na estación de San Vicente de Vigo (da rede da central térmica
de Meirama, situada en Cambre). E tamén para outro contaminante, o dióxido de
nitróxeno (NO2), na Coruña. O tráfico é a principal causa de
deterioración da calidade do aire nas cidades.
Verdegaia e Ecologistas en Acción
denuncian que a Xunta continúa sen cumprir asdisposiciónssobreinformaciónaopúblicocontidasna normativadecalidadedoaire. En particular, cómpre
destacar que non se está a divulgar nin un só dos datos sobre a calidade do
aire obtidos nas estacións de medición situadas no contorno dalgunhas
industrais contaminantes: Cementos Cosmos (Sarria), central térmica de Sabón
(Arteixo), Ferroatlántica-Sabón, Ferroatlántica-Dumbría, Finsa (Santiago),
Materiales del Atlántico (Narón) e a incineradora de SOGAMA (Cerceda).
Aínda que a rede galega de
estacións que miden a calidade do aire non permite unha boa avaliación dos
problemas de contaminación atmosférica, pódese afirmar que os habitantes das
cidades e dalgúns contornos industriais respiran aire contaminado nocivo para a
súa saúde. No conxunto de España, segundo o Ministerio de Medio Ambiente e do
Medio Rural e Mariño, prodúcense 16.000 mortes prematuras ao ano relacionadas
coa contaminación atmosférica.
Verdegaia e Ecologistas en Acción
reclaman novas políticas territoriais e de transporte que reduzan drasticamente
o tráfico nas cidades e as súas áreas de influencia. É necesario deixar de
enterrar grandes sumas de diñeiro en ampliacións da capacidade viaria que só
alivian por un tempo os problemas de conxestión e restrinxir fortemente o uso
do vehículo privado, principal causa de degradación da calidade de vida no
ámbito urbano. Ao mesmo tempo, cómpre potenciar todo o posible os
desprazamentos a pé e en bicicletae o
transporte colectivo.