|
A asociación Verdegaia manifesta o seu rexeitamento á decisión do
Concello de Vigo de talar os chopos da Avda. de Castelao, coa excusa
dunhas supostas alerxias causadas por este tipo de árbores.
As dúas especies de chopos existentes en Coia (Populus alba y
Populus nigra) florecen entre os meses de marzo e abril, antes de botar
as follas, e os froitos (de aparición posterior) presentan unha certa
cantidade de pelos que favorecen a súa dispersión polo vento. Eses
pelos, causantes dalgunhas molestias aos veciños durante un corto
período de tempo na primavera, non teñen esas propiedades alérxicas
aducidas polo Concello de Vigo para xustificar a tala destas árbores.
A súa corta, nunha cidade como a nosa onde apenas existen espazos
destinados a zona verde, suporá unha gravísima perda, xa que co paso
dos anos estas árbores se teñen convertido nun auténtico pulmón
depurador de contaminación, no fogar de gran cantidade de aves e nun
lugar de lecer e esparcimento dos veciños da zona.
Ademáis, a posible eliminación dos chopos presentes noutras zonas da
cidade, e fundamentalmente nas beiras do río Lagares, suporía un grave
perxuízo para o medio ambiente desta cidade, demasiado castigado xa
pola agresiva urbanización que se vén sufrindo dende hai anos e que se
ten acelerado nos últimos tempos.
A amenaza do Concello de talar calquera árbore que poda producir
alerxias aos cidadáns, podería chegar a ocasionar situacións tan
surrealistas como a eliminación dunha árbore emblemática para os
habitantes de Vigo: a oliveira, xa que esta especie produce un pole
tremendamente agresivo para determinadas persoas.
Por todo isto, Verdegaia solicita a inmediata suspensión desta
medida e a progresiva introducción nos parques e xardíns desta cidade
de especies autóctonas, menos problemáticas e máis acordes co noso
medio.
|