Galiza Non Se Vende, da que fai parte Verdegaia, denuncia os contínuos
maltratos e agresións que soporta o litoral, froito da especulación
salvaxe e deste modelo depredador de crecemento economico, que equipara
medre e benestar social. Por isto convoca unha manifestación en Vigo o 31
de maio ás 12:00 que sairá desde a Praza do Concello e rematará na
Praza da Estrela.
Por desgraza, todos os gobernos que pasan pola Xunta seguen unha
política “desarrollista” de explotación dos nosos recursos naturais
para reducilos a mera condición mercantil. Os costes deste
desenvolvemento económico son a destrucción da natureza.
A privatización e venta da nosa costa, das nosas rías, do noso vento,
dos nosos montes, dos nosos rios, do Courel, supón depredar o
territorio físico común para mercantilizalo en beneficio de só duns
poucos. Privatizando beneficios e socializando as perdas.
Deste modelo cego e xordo non se libra o litoral onde se construen
recheos dentro das rías que estragan a súa grande riqueza; onde se
instalan polígonos industrias sobre o terreo gañado ao mar ou en
primeira liña de costa realizando desmontes; onde se instalan as
industrias mais perigosas como Reganosa ou máis contaminantes como
Ence; onde empresas e industrias de todo tipo verten os seus refugallos
directamente ao mar xunto coas aguas residuais urbanas, as veces
pasando por depuradoras deficitarias ou que non funcionan contaminando
as rías e facendoas incompatíbeis coa pesca e o marisqueo; onde se
promoven piscifactorias nos lugares mellor conservados da nosa costa
artificializandoos com formigón e contaminando o mar com antibióticos
para proveito de empresas transnacionais; onde se privatiza o mar e a
costa com portos deportivos a esgalla que soen levar aparellados
proxectos urbanisticos especulativos; onde se produce a máis salvaxe
especulación urbanistica; onde se construen a meirande parte das
irracionais infraestructuras de transporte; onde se destrue a
identidade dos pobos e vilas mariñeiras erradicando o noso patrimonio
marítimo; onde máis se turistifica a nosa cultura e o noso território;
onde se crean máis campos de golf arrasando com grandes superficies de
monte e contaminando com herbicidas; onde menos se respetan os espazos
protexidos….
Non é necesaria, nen imprescindible a destrucción do noso fogar común
para acadar medios de vida, nin debemos basar o benestar na explotación
das persoas nen a terra que habitamos, porque si asi fora estaríamos
correndo o camiño do suicidio colectivo.
Todas e todos xuntos temos que porlle freo a esta locomotora desvocada,
deste falso progreso, que esta a avanzar queimando os seus propios
vagóns nunha tola carreira cara ningures. Esta “valorización” do
territorio ten que distinguir xa os bens de uso, os modos de vida, do
expolio e despoxo da nosa terra. Tratase en suma dunha nova mentalidade
que trate o medio non como un negocio, do que se pode quitar beneficio,
senon coma a nosa terra común da que todas e todos formamos parte.
Vainos nelo a preservación da civilización que queremos legar ás
persoas que veñan detrás de nós, non podemos tolerar máis o intolerabel.
|